Amtega escolle o programa “Reorientamos” de Oroso para participar nun proxecto piloto de innovación social dixital
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración con Fundetec, vén de seleccionar o programa “Reorientamos” do Concello de Oroso para participar nun proxecto piloto de Innovación Social Dixital CeMIT-Innova. Un proxecto no que participan dez centros de Galicia e que pretende resolver retos locais ligados á educación, á saúde ou ao emprego a través de iniciativas cunha base tecnolóxica deseñadas polos cidadáns e axentes locais.
O concelleiro de Ensino, Antonio Leira, celebrou a elección do proxecto orosán para este programa piloto xa que “supón un recoñecemento a unha iniciativa de aprendizaxe e integración social e laboral que servirá para loitar contra a exclusión social e laboral”. O programa “Reorientamos” é unha iniciativa do Concello de Oroso que pretende mellorar o acceso ao mercado laboral de 15 veciños e veciñas do municipio a través dun programa de formación e de prácticas laborais en empresas colaboradoras do municipio. Os participantes están becados polo Concello de Oroso e La Caixa para realizar un itinerario formativo a través dun proceso de mentoring presencial. Cada itinerario formativo consta de 3 cursos de Aula Mentor, certificados polo Ministerio de Educación, a escoller polos alumnos sempre e cando sexan de un ámbito homoxéneo: saúde, hostalería, turismo, administración e xestión, comercio e marketing, madeira, programación…
Unha formación que se completará cunhas prácticas dun mes en empresas do municipio. De feito, o Concello de Oroso asinou recentemente un convenio de colaboración con dezanove empresas locais que ofrecerán para estas prácticas postos de auxiliares administrativos, aprendiz de deseño, técnicos de educación infantil, camareiros, auxiliar de imaxe, carpinteiros, auxiliar de taller de informática, sericultora, técnico en horta, auxiliar de fontanería e auxiliar de confección.
CeMIT Innova
Ata o vindeiro mes de outubro, as aulas CeMIT de Abegondo, Padrón, San Sadurniño, Eirís (A Coruña), Vimianzo, Boiro, Oroso, A Estrada, Verín e Sarreaus converteranse en espazos de encontro para a análise das necesidades sociais da contorna e establecer os mecanismos para a súa resposta a partir dun proxecto de Innovación Social Dixital. Para iso, as aulas contarán con ferramentas tecnolóxicas para o traballo colaborativo (Comunidade Google +, foro de debate para a conversación virtual, ferramenta ‘Hangout’ e páxina web do proxecto), ademais do acompañamento de expertos, que lles axudarán no deseño e posta en marcha dos proxectos. Todo iso a partir dun enfoque de traballo en rede que facilite a compartición de ideas e solucións entre as aulas e os implicados nos proxectos de Innovación Social Dixital en cada territorio.
Unha vez concluído o período dos traballos do proxecto CeMITInnova, no mes de outubro, os seus resultados servirán para a elaboración dunha Guía metodolóxica cos resultados da avaliación das iniciativas e un manual uso das principais ferramentas colaborativas do proxecto. Esta publicación facilitará a a extensión destas solucións ás aulas que estean interesadas en empregalas.











