publicidade hoxe

“Abril, libros mil” nas bibliotecas municipais de Oleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

Cos obxectivos de conmemorar o Día Internacional do Libro e potenciar o hábito lector, as Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros en vez de dedicar un só día como festa do libro, decidiron conmemorar todo o mes, e baixo o título de “Abril, libros mil” organizan numerosas actividades de promoción da lectura para dinamizar as bibliotecas como espazos de ocio e aprendizaxe dirixidos a toda a poboación, programando actos que abarcan diferentes idades e distintos formatos como: recitais de poesía, conferencias, contacontos, espectáculos teatrais, narracións dramatizadas, talleres e tertulias literarias, obradoiros de banda deseñada, obradoiros de poesía e exposicións de libros e mostras bibliográficas.

Contacontos en todas as bibliotecas, ás 18:30 horas, dirixidos a nenas e nenos menores de 12 anos: o día 13 de abril quen queira gozar cos contos de Trinke Trinke pódese achegar á Biblioteca de Dorneda, o 14 á Biblioteca Manuel María de Oleiros con Ramiro Neira; o 15 á Biblioteca Rosalía de Castro en Santa Cruz para escoitar a Gemola; o 16 na Biblioteca de Lorbé con Caxoto; ese mesmo día tamén hai un contacontos para menores de 5 anos na Biblioteca Central Rialeda, pero nesta actividade xa non quedan prazas. O venres, 17, na Biblioteca de Nós con Pablísimo.

Continuamos coas tertulias literarias para mozos/as e adultos/as na Biblioteca Central Rialeda e na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz. No grupo A da Biblioteca Rialeda, o 15 de abril comentarase a obra “Las buenas personas” de Nir Baram e no grupo B, desa mesma biblioteca, o día 22, falarase de “La invención de Morel” de Adolfo Bioy Casares e na Biblioteca de Santa Cruz están lendo “Olive Kitteridge” de Elizabeth Strout.

Estanse a realizar na Biblioteca Central Rialeda e na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, polas mañás, actividades de fomento da lectura dirixidas especificamente a alumnado dos centros de ensino público de Oleiros, tanto a colexios de educación infantil e primaria como a institutos, como por exemplo: “De Fole a Miranda” que é un contacontos de relatos de Ánxel Fole e Xosé Miranda; “Mitos e deidades: Mitoloxía da antiga Gallaecia” conferencia a cargo de Manuel Gago; recital de poesías de “Campos de Castilla” de Antonio Machado; “Mulleres que corren con lobos” a cargo de Inés Cuadrado e o músico Xocas Meijide; obradoiro xuvenil de poesía pola poeta Yolanda Castaño,; actividade sobre Martín Codax polo músico Juan Carlos Vázquez; “Contos escollidos” de Emilia Pardo Bazán a cargo de Soledad Felloza; o espectáculo teatral infantil “Lobo Bobo” pola compañía Elefante Elegante; o contacontos “Bailar nas Nubes” por Soledad Felloza; ou a visita á Biblioteca Rialeda na que se explica o funcionamento desta e finaliza cun contacontos de relatos de Cunqueiro, titulado “Feirantes” a cargo do actor Ramiro Neira.

E como acto especial, o luns 13 de abril, ás 10:45 horas, estará nas Torres de Santa Cruz a escritora e activista támil Thamizhachi Thangapandian para ter un encontro con alumnado dos tres institutos de Oleiros. Esta poeta visita Galicia a través da organización galega de cooperación ao desenvolvemento Implicadas no Desenvolvemento. A autora támil non é só unha das voces máis prestixiosas da escrita poética en lingua támil, senón que tamén é unha traballadora incansable a prol da palabra das mulleres. Thamizhachi é licenciada en filoloxía inglesa con especialidade en literatura inglesa polo Thiagarajar Arts College de Madurai, en Támil Nadu (India). Entre o 1996 e o 2008 traballou como docente no Queen Mary’s College de Chennai. Como investigadora recibiu unha bolsa do AIC (Australia India Council) en 2004 e doutorouse pola University of Madras en 2010. Ademais de ser unha poeta de gran recoñecemento en lingua támil, as súas áreas de interese inclúen as literaturas poscoloniais (en particular de Sri Lanka e de Australia); literaturas da diáspora (en particular da diáspora támil de Sri Lanka), a tradución, crítica e as artes escénicas (o teatro támil). Ata o momento publicou 12 obras en támil e unha en inglés. Neste momento dedícase en exclusiva á escrita e á interpretación. Esta iniciativa promovida por Implicadas no Desenvolvemento vincula a literatura, a arte e o activismo feminista no marco da cooperación ao desenvolvemento.

10 de abril de 2015 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.