Traballo financia con 100.000 euros o programa ‘Arteixo Integra’ que acadou a inserción laboral de 32 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArteixo
A-
A+
Entrega de diplomas

Entrega de diplomas

A Consellería de Traballo e Benestar destinou máis de 100.000 euros ao programa integrado de emprego ‘Arteixo Integra 2014-2015’ no que participaron un total de 90 persoas (mulleres, menores de 30 anos e desempregados de longa duración). Esta actuación acadou que o 35% dos seus participantes atopasen un posto de traballo. Así o destacaron hoxe a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, na clausura. Entre as accións que se impartiron destacaron cursos de operario de planta de reciclaxe, operacións básicas de cociña, teleasistencia ou caixeiro-repoñedor.

Díaz López explicou que os programas integrados de emprego son medidas activas de emprego, que buscan a inserción laboral dos participantes a través dun tratamento integral. Deste xeito, combinan distintas accións como a orientación e o asesoramento, a formación, a práctica laboral e a mobilidade xeográfica. Establécese, nestes programas, que o obxectivo de inserción laboral será do 30 ou do 35 por cento. En xeral, os destinatarios destas actuacións son persoas desempregadas, preferentemente perceptoras de prestacións ou subsidios e, en xeral, colectivos de difícil inserción no mercado laboral.

A directora xeral sinalou que os programas integrados para o emprego contan este ano cun orzamento de 5,7 millóns para beneficiar a 2.000 persoas. Como principais novidades nesta convocatoria para o período 2015-2016, que xa saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), créase un tipo de programa integrado de emprego específico para persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) no que os custes subvencionables por participante serán máis altos (3.000€, fronte aos 2.400 dos programas ordinarios).Priman, ademais, os proxectos de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal e acadar unha xestión máis eficaz no desenvolvemento das accións de información, orientación e prospección de emprego subvencionados.

Ademais, a duración dos programas para 2015-2016 amplíase e establécense sempre por un período de 12 meses o que garantirá a atención completa das persoas participantes e o cumprimento dos compromisos de inserción. Os programas terán que incluír de xeito obrigatorio accións de carácter formativo e de intermediación laboral, e establécense obxectivos cuantitativos de inserción laboral das persoas demandantes de emprego participantes neles que non poderán ser inferiores ao 30% persoas participantes, ou ao 25% para o caso de persoas titulares da renda de integración social de Galicia. Cada proxecto terá unha duración de 12 meses.

19 de marzo de 2015 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.