publicidade hoxe

Rocío Mosquera visitou o Hospital de Verín para comprobar as medidas adoptadas no plan de eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVerín
A-
A+
Rocío Mosquera na visita ao Hospital de Verín

Rocío Mosquera na visita ao Hospital de Verín

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitou hoxe o Hospital de Verín, para comprobar as medidas adoptadas no marco do Plan de Eficiencia Enerxética para os hospitais públicos. No caso concreto deste centro, estamos a falar, -dixo a conselleira-, de dous novos equipos térmicos que usan a biomasa como combustible cunha potencia térmica total de 1.000 kw. Inclúense, tamén, sistemas de almacenamento da biomasa e de dosificación a caldeiras, ademais dos sistemas de filtración de gases de combustión. O investimento supera os 350.000 euros.

A titular da carteira sanitaria do Executivo galego lembrou que o principal obxectivo do Plan é promover medidas de aforro enerxético, económico e de emisións ambientais, mediante a eficiencia enerxética e a incorporación de equipamentos térmicos alimentados con biomasa nos distintos centros hospitalarios do Sergas, como a caldeira que hoxe visitou no Hospital de Verín.

Rocío Mosquera afirmou que os plans de eficiencia enerxética do Sergas están implantados en máis do 70% da totalidade dos nosos centros hospitalarios. O aforro económico xa xerado, ata decembro de 2014, supera os 5,8 millóns de euros, e o aforro estimado para os custes enerxéticos nos vindeiros 8 anos é de 50 millóns de euros.

A conselleira lembrou que esta aposta pola biomasa intégrase, tamén, no desenvolvemento da Estratexia integral de impulso da biomasa 2014-2020, que está a promover o Goberno galego, por medio da Consellería de Economía e Industria.

Tal e como explicou Rocío Mosquera, ata o de agora licitáronse e adxudicáronse cinco actuacións que afectan a 20 centros hospitalarios, dependentes das Estruturas Organizativas de Xestión Integrada de Santiago; Ferrol; Lugo, Cervo e Monforte; Ourense; Verín e O Barco; e A Coruña. Así, -dixo a conselleira-, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago está en marcha dende agosto de 2012; en Ferrol dende abril de 2014; nos cinco hospitais comarcais dende xuño do mesmo ano; e, no C.H. Universitario de Ourense, dende setembro, tamén de 2014.

A presidenta do Sergas lembrou, igualmente, que ademais dos aforros directos que supón esta iniciativa sobre os custes enerxéticos dos centros hospitalarios, os adxudicatarios van realizar un investimento en novos equipamentos enerxéticos e de caldeiras de biomasa superior a 12 millóns de euros, dos cales o INEGA colabora achegando 1,6 millóns.

No que atinxe ás caldeiras de biomasa, xa están en funcionamento dende este pasado mes de decembro nos hospitais da Costa en Burela; de Calde, en Lugo; de Monforte e tamén aquí en Verín.

Así mesmo, para o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, o Sergas investiu en equipamentos, dentro do proxecto Hospital Autosustentable, máis de 3,2 millóns, que inclúen unha caldeira de biomasa de 3.000 kw. Ademais, o adxudicatario da xestión de espazos achegará 3,9 millóns de euros, dun total de 14, para o financiamento da fase I do Hospital 2050.

Recoñecemento aos profesionais do hospital

Para rematar a súa intervención, a conselleira manifestou o seu recoñecemento aos traballadores do hospital, a quenes felicitou polos indicadores de actividade acadados nos últimos cinco anos. Así, a espera media cirúrxica neste centro reduciuse nun 10%, pasando de 46,3 días en 2009 a 42 en 2014, o que supón 38 días menos que a media do Sergas. Tamén en 2014 se realizaron neste hospital 1.872 intervencións cirúrxicas, 615 máis que no 2009, o que é o mesmo, case 3 operacións máis ao día en xornada ordinaria, cun rendemento cirúrxico do 81%.

Tamén se reduciu en 7 días o tempo de espera para primeira consulta de enfermidade, pasando de 34,1 a 27,1, o que supón 24 días por baixo da media do Sergas. Igualmente, fixéronse en 2014 un total de 63.505 consultas, 15.268 máis que en 2009.

27 de marzo de 2015 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.