Melloras en puntos conflitivos nos viarios dos lugares de Vilalén, Vichocuntín e Covas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedo
A-
A+
Curva de acceso a Vilalén

Curva de acceso a Vilalén

Durante esta semana operarios da brigada municipal realizan distintos traballos de melloras e acondicionamentos incluídos no Plan Local de Viarios Municipais. Estas obras consisten na ampliación da curva que dá acceso ao lugar de Vilalén debido ás peticións veciñais transmitidas na reunión celebrada hai unhas semanas no lugar. Esta ampliación é para dar un mellor acceso a este núcleo de poboación co ensanche da curva a un novo ancho medio de 7 metros que permite con total comodidade o tránsito dos vehículos en ambos os sentidos. Esta ampliación foi realizada en terreo de titularidade pública. Esta obra compleméntase coa futura actuación que se realizará a través do PEIM que consiste na pavimentación integral e colocación de sumidoiros e rexillas no transcurso do viario polo núcleo de Vilalén. Esta obra preténdese iniciar por parte da empresa adxudicataria en próximos días.

Tamén se ampliará nestes días un anaco do viario de acceso a Vichocuntín para permitir que os vehículos poidan realizar un cambio de sentido debido á imposibilidade de facelo na nacional N-541. Con esta medida facilitamos principalmente que os veciños que teñan que realizar algún servizo na gasolineira poidan volver a Cerdedo comodamente. Esta actuación tamén se realizará en terreo de titularidade pública. Iniciaranse os traballos esta mesma semana e preténdense finalizar no prazo de 15 días.

Do mesmo xeito inclúese o acceso a Covas, na parroquia de Folgoso, que consiste na ampliación da intersección deste acceso desde a estrada provincial que vai a Forcarei. Complementarase a obra coa colocaciónde uns valos de seguridade na parte do noiro para protexer aos vehículos en caso dalgunha saída de vía. Esta obra tamén se realizará se as condicións climatolóxicas o permiten nun prazo de 15 días.

O importe total destas 3 actuacións ascende a máis de 51.000 €.

Estas obras son realizadas pola brigada para minimizar os custos e así poder executar o maior número posible de actuacións do Plan de Mellora de Viarias Municipais.

24 de marzo de 2015 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.