As mulleres galegas na II República centrarán as III Xornadas “Represaliadas e resistentes”
Mañá terá lugar a segunda sesión das III Xornadas ‘Represaliadas e resistentes’ que se celebrará a partir das 19.00 horas na Casa das Campás. Haberá unha conferencia da xornalista Montse Dopico, que baixo o título ‘Semente de mudanzas’ falará sobre as mulleres galegas na II República. Ao remate, proxectarase o documental ‘La memoria de las olvidadas’.
A conferencia
“Ser de ideas políticas de avanzado izquierdismo republicano”. Ou “prohibir que se enseñase a las niñas las grandes gestas bélicas de nuestra historia” e “descuidar” a súa “educación moral”. Estes son algúns dos cargos que recolle o expediente de depuración da mestra da escola da Guarda María Barbeito, no 1937. Pedagoga, inspectora, escritora, tradutora, educadora e socióloga, -así a define a profesora Aurora Marco no seu Dicionario de mulleres galegas-, Barbeito representaba un paradigma de muller oposto ó de “submisión, fogar e maternidade” -estudado pola investigadora Ana Cebreiros-, que o franquismo impuxo.
O compoñente de xénero é unha dimensión fundamental da represión. Tamén a mestra galeguista Elvira Bao, a bibliotecaria republicana Juana Capdevielle ou a alcaldesa da Cañiza María Purificación Gómez, -só por citar algúns nomes-, encarnaban as mudanzas que, -xermoladas xa desde finais do séxulo XIX-, estaba a impulsar a Segunda República. Os avances legais deste período -dereito ao sufraxio activo feminino ou lei do divorcio, entre outros-, reforzaron o comezo da erosión da estrutura patriarcal da sociedade. E iso traducíase nunha maior intervención das mulleres no espazo público.
“Non é a ampliación do sufraxio: é a sociedade que estaba detrás a que estaba cambiando. A imaxe tan moderna da muller que se pode atopar en medios de comunicación da época resulta sorprendente. Mais a incorporación da muller á política comeza pola dereita. A cuestión de xénero vai máis alá da ideoloxía”, subliña o historiador Emilio Grandío, autor do ensaio ‘A Segunda República en Galicia’ (Nigratrea). As reivindicacións feministas iniciáranse, en realidade, décadas atrás, a través de voces como a de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal.
O catolicismo respondeu ao feminismo co discurso da “maternidade social”, segundo sinala a museóloga Ana Estévez nun estudo sobre o asociacionismo confesional na Coruña. Coa “chegada da República e da súa política laicizadora”, -comenta-, prodúcese unha “eclosión da actividade asociativa feminina”, ata entón dedicada á beneficencia e á propaganda. Mais, -reflexiona o profesor Julio Prada no libro ‘As mulleres en Galicia no século XX’-, este activismo católico feminino non se explica só pola súa “manipulación” por parte do clero. Alén diso, co golpe do 36 “queda marxinada a proposta dunha muller máis activa” que se transmitira nos primeiros tempos aínda dentro dos límites dunha acción social compatible cos roles tradicionais da muller.











