Alumnado do CEIP de Xeve gravará un vídeo dentro do proxecto Ponte a Europa
Mañá, xoves 12 de marzo, 35 nenas e nenos de 3º ciclo do CEIP Santo André de Xeve gravarán un vídeo en diversos lugares de Xeve e Verducido, dentro do programa Ponte a Europa. A gravación servirá para presentar a súa contorna aos outros participantes no proxecto, a través da plataforma http://ponteaeuropa.gal./ Entre as localizacións seleccionadas polo alumnado e o profesorado están o antigo concello de Xeve, o pazo de Gondar, o Pontillón do Castro e a antiga escola de Sobral.
As gravacións realizaranse en tres quendas que partirán do CEIP de Xeve, guiadas polo profesorado de 3º ciclo de Xeve e pola creadora dixital Palmira Castro Marcote. O primeiro grupo gravará de 9 a 10.25 horas no antigo concello de Xeve, pazo de Gondar e Os Pinos (situado na Casa antigo concello de Xeve). O segundo grupo sairá ás 10.30 para gravar ata as 11.45 horas no Pontillón do Castro e o terceiro grupo sairá do colexio ás 12 horas para ir gravar á antiga escola de Sobral. Ademais, entrevistarán a Fina Casalderrey e á avoa dalgún dos alumnos. Nas vindeiras semanas o alumnado de Lérez e Campañó tamén gravará en cadansúa parroquia.
Ponte a Europa é unha iniciativa innovadora impulsada pola Concellaría de Normalización Lingüística para dinamizar o uso da lingua galega a través de conversas e narración multimedia entre os escolares de 5º e 6º de primaria dos CEIP Lérez, Xeve e Campañó e oito universitarios europeos estudantes de lingua galega, pertencentes as universidades de Oxford, Birmingham, Varsovia, Zadar, Berlín, Cork e Helsinki.
Ponte a Europa é un proxecto de normalización lingüística e intercambio cultural virtual, construtivo e colaborativo arredor da lingua galega, onde rapaces de Pontevedra e mozos e mozas de sete universidades europeas poderán intercambiar e construír experiencias da vida cotiá no seu ámbito, así como coñecer outros xeitos de vida, tendo como elemento motivador a normalización da lingua galega.
Os eixos centrais do programa están a ser o uso, a posta en valor e a difusión da lingua e cultura galega entre a mocidade e dende a mocidade; o coñecemento doutros lugares de Europa a través da lingua galega e o uso responsable e crítico da tecnoloxía, así como a construción colaborativa de contidos web e multimedia. As distintas actividades do programa teñen o galego como única lingua de comunicación, co fin de impulsar o uso do galego entre o alumnado de Pontevedra, incentivar a reflexión sobre a utilidade da lingua e valorar o galego como unha fonte de riqueza lingüística e de identidade que abre as portas a un universo infinito de coñecementos e á comunicación con moitos países fóra de Galiza.
O obxectivo xeral de Ponte a Europa é a mellora da competencia lingüística do alumnado na lingua galega durante todo o proceso e a posta en en valor do patrimonio cultural, inmaterial e dixital deses núcleos e así adiantar un paso máis no proceso de normalización lingüística. Ademais, busca contribuír á posta en valor e favorecer un sentimento de orgullo e de defensa do galego entre a mocidade e os seus familiares, así como dos seus xeitos de vida, por moi diferentes que sexan, a posta en valor da vida cotiá no rural galego como elemento motivador para a creatividade e as actitudes activas e contribuír ao uso e manexo da tecnoloxía. Para potenciar o uso do galego en todo o proceso trabállase o seu valor como elemento de identidade, o uso nos distintos ámbitos da vida cotiá e en espazos cos que se identifica o alumnado participante. Para dinamizar o uso da lingua é importante contribuír a desenvolver a conciencia lingüística borrando prexuízos lingüísticos detectados cara á lingua galega e buscar fórmulas de actuación para subliñar o valor da nosa lingua como identidade e a posibilidade real de ser usado en calquera contexto. Ao longo do programa trabállase o coñecemento da cultura actual galega e de tendencia que poida ser inspiradora para o alumnado participante; a divulgación do patrimonio inmaterial e cotiá da vida no rural galego a través dos ollos do alumnado e dos contidos que poidan crear, como elemento para a posta en valor da realidade que lles rodea. Utilízase como canle a conversa multimedia en galego con mozos e mozas moi afastados xeograficamente, culturalmente e socialmente, mais que aposta por estudar o galego.