Cerdedo recibe unha subvención por valor de 58.546,32 euros para a contratación de 14 desempregados
O pasado mes de xaneiro, o equipo de goberno que encabeza José Balseiros e en estreita colaboración co axente de emprego e desenvolvemento local Carlos Otero, efectuou a solicitude ante o organismo provincial dun novo plan de emprego polo cal se solicitaron 14 traballadores desempregados. A inserción no mundo laboral e a axuda ás familias máis necesitadas é a maior prioridade do equipo de goberno que centra todos os seus esforzos en buscar a través do plan de emprego local a inserción no mercado laboral dos veciños desempregados, ben a través dos distintos programas que impulsan as administracións supramuniciais (como este da Deputación ou ben a través da Xunta de Galicia) ou con empresas que realizan traballos no municipio cerdedense.
Tras a concesión desta subvención, o Concello pon en marcha o mecanismo de selección do persoal que será o seguinte: en primeiro lugar formularase a oferta de emprego na oficina do Inem de Pontevedra durante a próxima semana, a partir de aí será a oficina de emprego a encargada de analizar os curriculums dos demandantes de emprego do municipio e ver cales se adecúan mellor ao posto ofertado. Para iso enviará unha carta aos seleccionados que posteriormente, na segunda semana de marzo, realizarán as entrevistas nas dependencias municipais ante o tribunal seleccionado. Igualmente os aspirantes a estas prazas deberán realizar unha proba práctica relacionada co posto a desempeñar de peóns, traballos forestais e de mellora das zonas verdes.
Os requisitos que hai que ter para acceder a estas prazas e que serán comprobados pola Oficina de Empelo son:
. Ser desempregado e estar anotado na Oficina de Emprego de Pontevedra.
. Non ser perceptor de prestacións ou perceptor de prestacións sociais destinadas a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia (RISGA).
Terán prioridade os candidatos que leven máis dun ano anotados no paro, que non traballasen na anualidade anterior do programa, os que teñan nivel de renda máis baixo e os que teñan cargas familiares.
Posteriormente valoraranse os curriculums, a entrevista e a proba práctica e farase a lista dos 14 seleccionados que empezarán a desenvolver os traballos a finais do mes de marzo por un período de 6 meses e cunha duraciónde xornada de 25 horas semanais.
Os traballos a desenvolver son:
. Mantemento e mellora das 2 rutas de sendeirismo homologadas existentes: Frei Martin Sarmiento e Pontes do Lérez.
. Acondicionamento e posta en valor da ruta de Cavadosa-Cerdedo.
. Rozas nas diferentes parroquias en zonas verdes e axardinadas.
. Mellora e acondicionamento da praia fluvial de Cerdedo e zona deportiva anexa.
. Mellora das zonas verdes de Cerdedo











