‘As Cores Galegas’ invaden a Sala de Exposicións de Verín
Do Sábado de Piñata, 21 de febreiro, e até o día 14 de marzo, a Sala de Exposicións de Verín acolle a mostra colectiva ‘As cores galegas’, na que participan cinco artistas de Vigo e Ourense que presentan pinturas e esculturas caracterizadas pola diversidade de estilos, temáticas, formatos e materiais.
Os artistas que as expoñen forman parte do colectivo Neos-Art, no que se integran José Luis Miranda, Solveira CH, Elsa López Jorge, Antonio Abalde e Richard.
Os artistas participantes
José Luis Miranda
Pintor vigués, de estilo fundamentalmente pop-art, pinta con acrílicos en formatos medianos e grandes. As súas obras son de cores limpas e composición directa. A súa inspiración son temas de actualidade, reflectindo a sociedade na que vivimos.
Solveira CH.
Pintor Vigués, de grande versatilidade estilística e técnica, realiza desde paisaxe de estética realista, en grandes murais, a mariñas coloristas con predominio das liña, até unha abstracción xeométrica expresada con compoñentes matéricos, mesturando áridos con óleos.
Elsa López Jorge
Pintora que reside actualmente en Ourense, as súas composicións figurativas de estética naif están protagonizadas por personaxes femininos e pola mirada arcaica do subconscente. Como paisaxista, inspírase no interior e na costa galega, deixando que a cor protagonice cada centímetro do lenzo.
Antonio Abalde
Pintor vigués, con el podemos recrearnos polas paisaxes outonais galegas en todo o seu corido. De estética figurativa e utilizando pintiras ao óleo, pon atención no detalle na execución das obras, para reflectir a realidade a través da liña e da cor.
Richard
Escultor de Vigo, a súa obra pode catalogarse de absolutamente conceptual. A partir dos obxectos metálicos producidos pola sociedade de consumo que nos caracteriza; reclasifica, reordena e modela un mundo de figuras imaxinarias, coas que expresa a súa creatividade.
A exposición pódese visitar das10 ás 14 e das 17 ás 20.30 horas, de luns a sábado.











