A Deputación de Pontevedra aprobará o venres 750.000 euros para o ensanche e mellora do tramo Riobó-Oca
A Deputación de Pontevedra aprobará o venres o proxecto e o investimento de 749.919 euros para o ensanche, mellora do trazado e da seguridade viaria nun tramo de 1,5 km, entre Riobó e Oca, da estrada Callobre-Ponte Ledesma. Con esta nova obra o investimento realizado en toda a estrada achégase ós 2,5 millóns de euros.
No tramo Riobó-Oca ensancharase a actual estrada e mellorarase o trazado, ampliando a plataforma ata os 8 m de ancho (6,40 m de calzada e dúas beiravías de 0,80 m) e rectificando as curvas. Nas zonas de vivendas executaranse obras de accesibilidade.
Ampliación da actual ponte
Outra das características do traballo será a ampliación da actual ponte. Para iso utilizaranse lousas tipo barco de formigón armado, de 9 m de longo e 2,40 m de ancho, ata completar a lonxitude necesaria, que ascende a 31,2 m. A nova ponte levará 62,4 m de varanda de aceiro e 1,08 m de altura.
Finalmente realizarase unha gran cantidade de movemento de terras para construír noiros, á vista da enorme cantidade de rocha que presenta o tramo, e 190 metros lineais de pavimento peonil, cunhas beirarrúas de 1,80 m de ancho. Todo o tramo se dotará de servizos de pluviais, pozos de rexistro, sumidoiros, salvacunetas (162 m en total) e drenaxes.
1,5 millóns de euros xa investidos noutro tramo
Nesta mesma estrada a Deputación acaba de investir, noutro tramo, 1,5 millóns de euros para dotala de servizos similares ós anteriores e construír unha calzada de 8 m para a circulación rodada e sendas peonís e beirarrúas de 1,80 m.
Esta vía é a infraestrutura máis importante da Estrada tras a autopista. Vertebra o concello e dá servizo a 10 parroquias, algunhas delas as máis poboadas do municipio (Callobre, Moreira, Riobó, Oca…), e conecta as dúas estradas nacionais: a N-525 e a N-640.
O arranxo da nova vía implicará que a Deputación axuste nela os límites de velocidade á nova normativa en estradas provinciais. Nos núcleos urbanos a velocidade quedará limitada a 50 km/h, en tramos escolares a 40 km/h e no resto a 70 km/h.











