A Deputación de Lugo aforra 5 millóns de euros co acordo asinado cos herdeiros de Álvaro Gil

Besteiro na sinatura do contrato
O responsable de Cultura da Deputación e do Museo Provincial de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro; o presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro; e Carlos López Gil, en representación dos herdeiros de Álvaro Gil Varela, asinaron este mediodía no Salón de Exposicións do Pazo de San Marcos o contrato de compravenda a través do que a colección de 40 pezas de ourivería prerromana do filántropo lugués pasa a pertencer en propiedade ao organismo provincial. Así mesmo, os familiares do mecenas asinaron un documento a través do que se comprometen a non emprender ningunha acción de tipo legal ou xudicial contra o organismo provincial.
Mario Outeiro destacou que este acordo lle supón ás arcas da Deputación de Lugo “un aforro de preto de 5 millóns de euros, grazas a que os familiares cederon nos tres eixos nos que se fundamenta o acordo” e felicitouse de que por fin “se dean por rematados 15 anos de sucesivos desencontros entre a Deputación e os herdeiros, iniciados no 1999-2000 cando gobernaba en San Marcos o popular Francisco Cacharro Pardo”, recordou.
Predisposición da familia a negociar
O responsable de Cultura do organismo provincial agradeceu a predisposición da familia para chegar a este acordo. “Foron unhas negociacións marcadas pola boa sintonía coa familia, unha total discreción durante o desenvolvemento das mesmas, pero unha total transparencia de cara á oposición, tanto tralos acordos como dos desacordos. Agradézolles enormemente o ton directo e sincero mantido ao longo destes meses”, valorou Mario Outeiro. Sinalou que foi unha negociación “longa e intensa” de 19 meses, “encetada no mes de xuño de 2013 trala sentenza do Tribunal Supremo que determinaba a titularidade dos bens en litixio e o pagamento das custas procesuais por parte do ente provincial”, afirmou.
Outeiro cualificou o regreso desta colección de ourivería prerromana dunha “magnífica noticia para a cidadanía lucense que supera os límites provinciais, xa que recuperamos para o pobo galego un destacado tesouro do patrimonio material do noroeste peninsular”, manifestou o delegado de Cultura.
Restos de diversos puntos da provincia e de toda Galiza
Proseguiu Outeiro afirmando que “os bens en cuestión son o legado dos nosos devanceiros. Trátase de douradas pezas de arqueoloxía que, fóra do morbo do elemento metálico en cuestión, son indicadores dun pasado vizoso dos pobos do noroeste que conformaría posteriormente a Gallaecia romana ou xa despois o primeiro reino moderno de Europa, o Reino de Galiza. Restos de Viveiro, Mondoñedo, Burela, Foz, Castro de Rei ou Riotorto, pero tamén de Toques, Melide, Pontedeume, Boiro, A Estrada ou da Gudiña. Galiza enteira a maiores do enigmático Carneiro Alado, de incerta procedencia xeográfica pero dunha valiosísima execución artística”, concluíu Outeiro.
Agradecemento da familia a Mario Outeiro, que exerceu de interlocutor
Pola súa banda, Carlos López Gil agradeceu tamén este acordo á Deputación de Lugo, “porque no son tiempos fáciles para afrontar el gasto que supone un acuerdo como este y que siempre podría ser cuestionado, pero creo que el mundo de la cultura agradecerá en el futuro profundamente que hayan tomado esta decisión”, apuntou. O herdeiro fixo unha mención especial a Mario Outeiro, “porque solo él y yo sabemos las muchas horas y reuniones discretas que hemos tenido a lo largo de todos estes meses. Todo esto fructifica por la confianza que hemos tenido el uno en el otro”, salientou. Tamén tivo palabras de gratitude para os empregados do Museo Provincial de Lugo, a prensa, a súa familia e os avogados que dirixiron as negociacións.
Así mesmo, Carlos López Gil remarcou a importancia desta colección. “Me gustaría que en el futuro se le dé más importancia de la que aparentemente tiene, porque esta colección fuera de Lugo o de Galicia no es lo conocida que yo creo que debería ser. Espero que en el futuro, gracias a los medios de difusión que existen actualmente, se le dé la importancia que merece. Considero que esta colección tiene que representar para Lugo lo que representa la Dama de Elche para Elche o Las Meninas para Madrid”, finalizou o herdeiro do mecenas.
Acordo sustentado en tres piares
Finalmente, Outeiro lembrou os tres piares nos que se sustenta o acordo “que permite que hoxe regrese para sempre ao Museo Provincial de Lugo a colección de ourivería prerromana coñecida como Colección Álvaro Gil”. Por unha parte, “procédese ao aboamento aos herdeiros de Álvaro Gil das cantidades debidas en concepto de custas e gastos xudiciais, derivadas dos procedementos relacionados coa colección, por un importe de 600.000 euros tras a xustificación documental pertinente por parte dos secretarios dos tres órganos xudiciais, 1ª Instancia, Audiencia e Tribunal Supremo. É dicir, 94.000 menos dos que se determinou xudicialmente”, salientou.
O segundo piar fai referencia “á renuncia a establecer calquera acción, administrativa ou civil, que puidera ter lugar en relación coa colección que se transmite, desistindo dos que se iniciaran e, concretamente, desistindo do iniciado con data 30 de maio de 2014, ante a Deputación Provincial de Lugo, en concepto de reclamación de responsabilidade patrimonial por danos e prexuízos, renunciando a calquera dereito que lles puidera asistir en tal concepto. Hai que salientar que con esta renuncia a Deputación de Lugo aforra 2.762.000€, que era o que a familia tiña valorado como danos e prexuízos”.
E, por último, “e sen dúbida o máis importante, a propia adquisición da colección de ourivaría, da que se incoou expediente para declaración de BIC no outono pasado (DOG de 23 de outubro de 2013), polo importe da taxación encargada pola Excma. Deputación Provincial, é dicir, 2.346.200 € en cinco anualidades comezando no 2014 e rematando no 2018”, confirmou.
Débeda histórica
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou que co regreso da colección de ourivería de Álvaro Gil ao Museo de Lugo a institución conseguiu “saldar outra débeda histórica coa provincia, como era o noso compromiso e como fixemos co pago do canon hidroeléctrico, as transferencias sanitarias, a construción dun centro da UNED en Lugo ou a creación dunha rede de parques de bombeiros. Todo iso supón gasto público e compromiso público, como foi tamén a recuperación do legado de Álvaro Gil”
Besteiro, para quen hoxe “é un día de satisfacción e felicidade”, tamén destacou a “causa común” en favor da adquisición das pezas “tanto do goberno, como da función pública da Deputación, aquela que permite que os obxectivos políticos se cumpran, día tras día, con decisión pero tamén con imaxinación”.
O feito de adquirir patrimonio cultural en tempos de crise demostra que o Goberno provincial establece “prioridades de gasto público e compromisos de cara ao futuro que consideramos irrenunciables”, asegurou o Presidente. “Priorizamos en emprego e servizos sociais, pero tamén somos capaces de facer unha adquisición prioritaria para o noso patrimonio cultural, e polo tanto, para todos os lucenses”, engadiu.
Gómez Besteiro recalcou así mesmo que o proceso que deu lugar á adquisición foi “discreto”, pero tamén “público, claro e transparente, que é o que require a acción política dunha administración”. Trátase dunha “adquisición pública para unha institución pública que serve a fines públicos dun patrimonio que é referente da nosa historia e dos noso patrimonio cultural”, afirmou.











