A aula Cemit de Poio programa actividades de alfabetización dixital para o mes de marzo
A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica, Rede CeMIT, do Concello de Poio celebrará os seguintes cursos no mes de marzo:
Do luns 2 ao mércores 4 de marzo realizarase o curso “Organización de viaxes na rede”, co obxectivo de coñecer os recursos dispoñibles na Internet para planificar viaxes.O usuario o finalizar o curso poderá: Localizar, a través da Internet, información para preparar unha viaxe. Coñecer as posibilidades de reserva e de pagamento (transporte e aloxamentos) a través da Internet. Crear e compartir mapas e rutas personalizadas. Compartir información posterior á viaxe (fotografías e vídeos).Os requisitos para este curso son o de ter coñecementos básicos do manexo do ordenador e ter ou poder crear unha conta de correo electrónico. O horario será de 11:30 a 13:00 horas.
Do luns 2 ao venres 13 de marzo realizarase o curso “Iniciación á Mecanografía”, para o que se empregará un programa de ensino de mecanografía para practicar os exercicios e acadar de forma eficaz os obxectivos do curso:
– O usuario ao finalizar este curso será capaz de colocar correctamente as mans para poder escribir correctamente co teclado.
– Coñecerá a interface dun programa de aprendizaxe de mecanografía.
– Acadará velocidade por medio dos exercicios prácticos.
O horario será de 17:00 a 18:30 horas. Non se requiren coñecementos previos.
Do luns 9 ao mércores 11 de marzo realizarase o curso “Uso do Certificado Dixital e do DNI Electrónico (DNI-e)”, có que o usuario coñecerá como empregar o certificado dixital e o DNI electrónico e o seu uso responsable. O usuario ao finalizar o curso será capaz de acceder e realizar xestións na web co DNI-e e o certificado dixital, coñecer as súas posibilidades de uso así como renovalo ou obter un novo certificado. Os requisitos para este curso son ser maior de 16 anos, ter coñecementos básicos no manexo do ordenador e dun navegador web e, a ser posible, non ter o DNI-e caducado. O horario será de 11:30 a 13:00 horas.
Do xoves 12 ao venres 13 de marzo realizarase o curso “Uso seguro da Internet”, co que se informará e se aconsellará aos asistentes nas boas prácticas no uso de Internet para unha navegación segura e responsable. Ao finalizar o curso o usuario coñecerá como identificar unha web auténtica e lexitima, como protexer a súa privacidade e o uso seguro dos seus datos na Internet. O horario será de 11:30 a 13:00 horas. Requírese coñecementos básicos do manexo do ordenador e dalgún navegador de Internet.
Do luns 16 ao xoves 19 de marzo realizarase o curso “Deseño gráfico con GIMP”. Con este curso iniciarémonos no uso da ferramenta GIMP, unha das máis empregadas e recoñecidas no eido do software libre. Coñeceremos o funcionamento da súa interface, aprenderemos a manexar as ferramentas básicas de deseño. Deste xeito poderemos saber as posibilidades que nos ofrece esta ferramenta para plasmar o noso lado artístico. O horario será de 11:30 a 13:00 horas. Requírese coñecementos básicos no manexo do ordenador.
Do luns 16 ao xoves 19 de marzo realizarase o curso “Iniciación á Internet”. Dado o seu alcance mundial, rapidez e dispoñibilidade faise necesario ter cando menos unhas nocións básicas da procura de información na rede. Neste curso utilizarase os navegadores de software libre Mozilla Firefox e o gratuíto Google Chrome para que os usuarios poidan comprender o mundo do hipertexto das páxinas web. O usuario ao finalizar o curso poderá utilizar aplicacións e ferramentas fundamentais relacionadas coa rede Internet. Coñecerá cando menos un navegador de Internet, saberá como introducir enderezos na barra de enderezos do navegador e como realizar procuras sinxelas nun buscador, aprenderá a seguir os enlaces e a navegar polas páxinas web. Requírese coñecementos básicos de ordenador. O horario será de 17:00 a 18:30 horas.
Do luns 23 ao martes 24 de marzo realizarase o curso “Uso seguro do ordenador”, co que se informará e se aconsellará aos asistentes nas boas prácticas no uso do ordenador e como mantelo protexido mediante o uso seguro e responsable. Ao finalizar o curso o usuario coñecerá como protexer o seu equipo das ameazas máis habituais, como protexer a súa privacidade e unhas boas prácticas no uso diario. O horario será de 11:30 a 13:00 horas. Requírese coñecementos básicos do manexo do ordenador.
Do luns 23 ao venres 27 de marzo realizarase o curso “Iniciación á Informática”. Con este curso preténdese que o usuario obteña os coñecementos básicos para manexar un ordenador. Ao finalizar o curso poderá acender e apagar correctamente o computador, manexar o rato con soltura, familiarizarse co escritorio e as ventás e aprender a xestionar arquivos e carpetas (crear, eliminar, copiar, etc.). O horario será de 17:00 a 18:30 horas. Non se requiren coñecementos previos.
AULA ABERTA
A Aula Cemit de Poio funcionará en Aula Aberta nas seguintes datas e horarios, durante os cales calquera usuari@ que o desexe poderá facer uso do equipamento e da conexión á Internet da aula:
* Mañás: Luns a venres de 09:00 a 11:00 horas, excepto o xoves 5.
* Tardes: Luns a venres de 18:30 a 20:30 horas.
A Rede CeMIT configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse ao Aula CeMIT de Poio sita en Carreiro do Campo, 17. Combarro. 36993 – Poio, a través da páxina web https://cemit.xunta.es/, chamar ao teléfono 986770001 (Ext. 321) ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.poio@xunta.es











