San Sadurniño e o sector forestal coordinaranse para reducir o impacto da actividade extractiva no territorio
20 persoas participaron este venres na xuntanza convocada polo Concello para abordar o impacto da saca da madeira sobre as pistas municipais e para analizar a aplicación efectiva da ordenanza aprobada hai un ano. Ente as persoas asistentes estaban representantes das principais empresas forestais, das asociacións que agrupan a produción e tamén propietarios e propietarias. Foi unha xuntanza distendida na que se puxo de manifesto a necesidade de facer as sacas con responsabilidade e sentido común, pero tamén a necesidade de que o Concello saiba en todo momento onde se está cortando ou se ten previsto cortar.
A reunión arrancou cunha posta en común dos problemas que lle afectan á actividade forestal e dos que, en grande medida, se derivan os estragos en pistas e cunetas. Entre eles a falla de políticas e dunha ordenación efectiva dos montes, unha orografía que dificulta o traballo no monte e a inexistencia de infraestruturas preparadas para soportar unha actividade que se multiplicou en tempos de crise, con extraccións de grandes volumes e o emprego de maquinaria cada vez máis efectiva e tamén máis pesada.
Secundino García cualificou o monte como “o recurso máis importante que ten o país”. Un recurso que se está explotando sen que os municipios que soportan os traballos vexan ningún retorno para paliar os seus efectos sobre as infraestruturas públicas. “O ideal sería que parte do ive que recada o Estado da actividade forestal volvese en forma de transferencias aos concellos para que puidesen amañar as pistas”, dixo o alcalde. Unha proposta que, de momento, non leva trazas de cumprirse malia terlla exposto xa á Fegamp e á Consellería do Medio Rural.
O rexedor explicou que a ordenanza aprobada polo Concello para regular a actividade non busca “entorpecer o traballo das empresas” e que esta normativa “non ten implicacións fiscais” para elas. O alcalde lembrou que a ordenanza só esixe o rexistro previo de que traballen no territorio municipal e a comunicación dos lugares onde vaia cortar, ademais da presentación dunha póliza de responsabilidade civil que cubra os posibles danos. “Iso non significa nin máis custe nin máis papeleo para vós” , dixo dirixíndose aos representantes das empresas, a quen lles indicou tamén que estes trámites “poden facerse no Concello, onde tamén se lle poden solicitar á Xunta os permisos de corta”. O alcalde sinalou a este respecto que “todo sería moito máis doado se o Distrito forestal nos comunicase de oficio as autorizacións que vai concedendo”. Suxestión esta última que tamén se lle expuxo a Medio Rural sen que polo momento houbese resposta favorable malia a “boa disposición” do persoal técnico do propio distrito.
En calquera caso, a aplicación da ordenanza ten outras implicacións para o municipio. Tal e como explicou a concelleira de obras, Amparo Calvo, “saber onde se van facer grandes sacas de madeira permitiranos programar mellor a conservación das pistas. Se temos previsto arranxar unha estrada e sabemos que vai haber actividade na zona podemos facelo cando remate a extracción e non antes”.
Desde as asociacións que agrupan a produción tamén se sinalou que o debate do impacto da actividade sobre as infraestruturas públicas debería trasladarse á Mesa galega da madeira -organismo do que forman parte a Xunta e a representación do sector- co obxectivo de tomar medidas consensuadas e efectivas.
Na xuntanza o alcalde pediu “responsabilidade” cando se traballe no monte insistindo en que “se se fan as cousas ben as infraestruturas aguantan”. Unha mensaxe que foi recollida tanto polas empresas que se dedican á corta e comercialización da madeira como polas asociacións que agrupan a produción, que cualificaron o encontro como “moi positivo”, destacando no caso de Fomento Forestal que este tipo de reunións “deberían facerse en todos os concellos”. A sesión pechou preto das 22.00h. tras case dúas horas de debate distendido e, como balance, a predisposición do sector para traballar de forma coordinada co Concello para minimizar os efectos da actividade madeireira sobre os bens públicos.











