O Museo de Pontevedra acollerá unha mostra de 90 cadros das distintas etapas do pintor Alex Vázquez
O Museo de Pontevedra inaugura mañá unha mostra antolóxica sobre o pintor Alex Vázquez titulada “Alex Vázquez. Acariñando o ceo”. Hoxe o propio pintor, a comisaria da exposición, Amelia Palacios, e a deputada Ana Isabel Vázquez explicaron o sentido e as características da mostra.
A exposición está formada por 90 obras, as máis representativas do estilo e da traxectoria do pintor. A paisaxe urbana, a natureza, obras recentes de tipo naturalista, algún retrato e as camelias constitúen os eixes centrais dos cadros expostos, que a comisaria definiu como “a pintura da emoción”.
Alex Vázquez destacou que para el era “un luxo e un honor” expoñer no Museo de Pontevedra, que, segundo dixo, “acolle o mellor da pintura galega” e do que el mesmo é “un visitante constante desde fai máis de 30 anos”.
Alex Vázquez-Palacios Gómez (Vigo, 1946) naceu no seo dunha familia relevante no panorama artístico galego, onde, desde unha idade moi temperá, mostrou claras aptitudes cara ó mundo da cultura e a arte. O seu pai, Isidro Vázquez Palacios, pioneiro da actividade creativa a nivel publicitario dentro de Galicia, e o seu tío, Antonio Palacios Ramilo, afamado arquitecto porriñés, estimularon en Alex a profunda vocación artística.
En paralelo, o pintor foi trazando a súa traxectoria pictórica partindo do realismo dos seus comezos e queimando distintas etapas con notable valentía: figura, retrato, mariñas, paisaxe urbana, ata o informalismo das súas actuais creacións.
Alex Vázquez conta cunha ampla traxectoria. O seu innegable talento abriulle as portas de moi distintas galerías e centros de prestixio en España e Portugal, onde a súa obra se expón con regularidade. Cabe destacar tamén as súas importantes achegas ó campo do deseño gráfico e conceptual.
“Alex Vázquez. Acariñando o ceo” fai un percorrido por toda a súa obra a modo de exposición antolóxica. Antón Castro defínea como “o resultado da súa exclusiva mirada emocional á hora de interpretar a natureza como unha construción cultural, humanizada xa como paisaxe”. Unha busca incansable da beleza no contorno natural e cunha mensaxe sentida subliñada pola súa filla e comisaria: “a súa pintura invítanos a soñar”.











