O alcalde da Estrada replícalle a Dono que “é a primeira vez en oito anos que pronuncia a palabra alzheimer”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia-
A-
A+

O alcalde da Estrada, José López Campos, lamenta que “a primeira vez en oito anos que Dono pronuncia a palabra alzheimer sexa para criticar que o goberno local está a impulsar a posta en marcha dunha unidade de atención aos enfermos desta enfermidade”. José López lembra que Dono, durante a súa etapa como alcalde, “desatendeu e tivo completamente esquecido a este colectivo e agora o único que sabe facer é criticar, de forma lamentable, unha iniciativa deste goberno”.

Ao respecto, aclara ademais que “esta unidade non é incompatible, senón complementaria, co centro de día” e reitera o “compromiso firme” do goberno local para a posta en marcha do centro de día nas dependencias do Novo Mercado. “Temos o espazo reservado e xa mantivemos dúas reunión na Xunta para avanzar na súa consecución”, explicou antes de ironizar con que “xa foron dúas reunións máis das que mantivo no seu día Dono cando era alcalde”. En canto á necesidade de coñecer a demanda de prazas para a unidade de atención aos enfermos de alzheimer, José López xustifica que os familiares deban comunícalo na Alcaldía porque “é unha iniciativa municipal, non do centro de saúde” e acláralle ao PSOE que “obviamente serán os técnicos de Agadea os que fagan as valoracións das solicitudes”. “Nós non facemos política coa saúde, senón que é Dono quen diso sabe bastante, porque hai xa catro anos saía nun vídeo electoral do PSOE vestido como médico”, precisou.

José López considera que “polo seu afán de atacar ao goberno co que sexa e de ofrecer roldas de prensa os ´venres do apocalipse´, Dono vai de patinazo e patinazo e está a amosar que está fóra de onda e alonxado da realidade e das necesidades deste pobo”. Neste contexto, sitúa López a “última ocurrencia” de “asegurar que A Estrada non precisa un novo centro de saúde”. “Debe ser o único ex alcalde-médico que está en contra de facer un novo centro de saúde para mellorar a atención aos pacientes, pero se esa é a súa opinión, que lla explique aos veciños; dende a Alcaldía pensamos diferente e estamos a loitar para que o novo centro de saúde sexa unha realidade canto antes”, enfatizou antes de lembrar que, “se por Dono houbera sido, A Estrada tampouco acollería a sede da Axega”.

Servizo de Axuda no Fogar

Por último, José López salienta que o proceso de licitación e adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar “segue a súa tramitación normal” e explica que a única demora rexistrada debeuse a que os técnicos municipais acordaran excluir a unha das tres empresas concurrentes por motivos estrictamente técnicos e, ao recurrir dita empresa esa decisión, houbo que agardar a resolución dese recurso, “que xa chegou e foi favorable ao dictame de exclusión que emitiran os técnicos”. “Quedan dúas empresas en competencia e os técnicos de Servizos Sociais están a valorar as súas ofertas para presentar unha proposta de adxudicación, así que todo segue unha tramitación normal”, finalizou.

17 de xaneiro de 2015 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.