publicidade hoxe

Licítase a redacción dos proxectos de sendas peonís e carrís bici nas estradas autonómicas da comarca de Bergantiños

A Xunta de Galicia licita hoxeun contrato destinado a analizar os treitos de estradas autonómicas da comarca de Bergantiños nos que resulta conveniente executar sendas peonís ou vías ciclistas en estradas de titularidade autonómica para fomento da mobilidade sostible. O Goberno autonómico investirá máis de 100.000 euros na redacción do estudo, no que se proporán actuacións concretas que favorezan os desprazamentos a pé ou en bicicleta. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas utilizará o produto destes traballos para programar un investimento de máis de 28 millóns de euros de fondos europeos que o presuposto comunitario 2014-2020 destina ao fomento da mobilidade sostible en Galicia.

Este contrato enmárcanse nun conxunto de actuacións que a Consellería de Medio Ambiente está a desenvolver para impulso das formas de transporte menos contaminantes, das que se derivarán importantes melloras medioambientais ao reducir a pegada de carbono.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez está a traballar non só acometendo melloras na rede viaria que faciliten a migración cara aos desprazamentos en bicicleta ou peonís, senón tamén na adopción de medidas que favorezan a utilización do transporte colectivo (como a execución de aparcadoiros disuasorios) ou de medios de transporte público, mediante plans de transporte metropolitano, xa implantados ou en análise nas principais cidades.

Mediante o estudo que hoxe se licita se analizará a situación actual en relación ás sendas peonís e/ou ciclistas na rede de estradas autonómica, e se proporán actuacións concretas para favorecer unha mobilidade urbana e interurbana máis sostibles.

De xeito especial, analizarase a execución de sendas que permitan unha conexión urbana – rural para evitar a utilización do vehículo privado de curto e medio percorrido. O Goberno galo entende que cunha mellor ordenación dos distintos modos de transporte mellorarase ademais a seguridade viaria, estabilizando a circulación con velocidades máis homoxéneas e menores interferencias entre os distintos usuarios das estradas.

A área de estudio centrarase na comarca de Bergantiños, formada polos seguintes concellos: A Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso, polo que o contratos licitado no día de hoxe suporá un beneficio para o preto de 70.000 habitantes desta comarca coruñesa.

O orzamento de licitación deste contrato de servizos, IVE incluído, será de 102.943,88 €, e o prazo para a redacción dos estudos iniciais e dos posteriores proxectos será de 12 meses.

Ademais deste contrato, a Consellería licita tamén no día de hoxe outros dous estudos para identificación de sendas nas comarcas de Vigo e A Coruña, aos que se engadirán nos próximos días os estudos correspondentes noutras catro comarcas galegas.

As áreas de estudo foron seleccionadas tendo en conta o resultado dunha análise multicriterio na que se valoraron, para cada comarca galega, a poboación, a lonxitude da rede autonómica e dos treitos urbanos de estrada, e os incidentes rexistrados nos últimos anos nos que se viron involucrados peóns.

Traballos a desenvolver mediante o contrato

O contrato que hoxe licita a Axencia Galega de Infraestruturas comprenderá dúas actuacións diferenciadas: en primeiro lugar, realizarase un estudo inicial de identificación de sendas na comarca de Bergantiños, no que se analice a situación actual na área de estudo en relación ás sendas peonís e/ou ciclistas e se propoña a realización de actuacións concretas para resolver a problemática que poida detectarse; en segundo lugar, redactarase un proxecto construtivo no que se desenvolverán as actuacións identificadas coma necesarias.

O estudo inicial de identificación de sendas centrarase en relacionar os focos de atracción de peóns e/ou ciclistas (incluíndo focos de tipo comercial, sanitario, relixioso, deportivo, lúdico, industrial ou residencial) cos seus puntos de xeración correspondentes (fundamentalmente residenciais). A continuación, deduciranse as rutas peonís e/ou ciclistas que os deberían de unir, identificando aquelas xa existentes, as xa planificadas, e outras onde podería ser necesario executar algún tipo de senda.

A continuación, realizarase unha análise comparativa da oportunidade de executar cada un dos treitos de senda identificados, para xerarquizar a proposta de actuación. Para apoiar o sistema de selección, incluirase unha estimación dos obxectivos a acadar coas actuacións propostas, segundo os indicadores que estableza a Administración.

Finalmente, redactarase un proxecto de construción no que se definirán as obras a acometer nos treitos de sendas identificados como necesarios. Co fin de favorecer a integración paisaxística e ambiental das sendas, na redacción dos proxectos de construción aplicaranse criterios para a súa correcta integración no territorio, tal e como determina a Estratexia da paisaxe galega que se está a desenvolver.

Fomentar prácticas respectuosas co medio ambiente

Galicia acolle un territorio caracterizado por unha elevadísima dispersión da poboación, o que deriva na existencia de gran cantidade de estradas. Ademais, os bordes das infraestruturas viarias teñen servido no pasado en Galicia como apoio ao crecemento dos núcleos de poboación, o que ten favorecido a utilización indiscriminada dos vehículos privados, mesmo para desprazamentos de curto percorrido.

A Consellería de Medio Ambiente está actualmente a desenvolver diversos programas cos que se pretende favorecer a sostibilidade ambiental, reducindo a utilización dos vehículos privados, tanto mediante o fomento do transporte colectivo ou público coma coa execución de infraestruturas que favorezan a utilización de formas alternativas de transporte, menos contaminantes, coma as que se desenvolverán a raíz do estudo que hoxe se licita.

No capítulo de fomento do transporte público interurbano a Consellería ten xa implantados na provincia coruñesa plans de transporte metropolitano nas principais cidades (A Coruña, Ferrol, Lugo e Santiago de Compostela), que teñen incrementado de xeito definitivo a utilización destes modos de transporte, ao reducir os custes do transporte.

Ademais, a consellería, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, ten previsto licitar nos vindeiros días os contrato para execución dun aparcamento disuasorio na Coruña e outro en Santiago de Compostela, situados en ubicacións estratéxicas para favorecer o uso do transporte público e a utilización compartida dos vehículos fronte ao uso individual.

Con estes actuacións, o executivo autonómico pretende fomentar prácticas e comportamentos mais respectuosos co medio ambiente, facilitando ou facendo posible a circulación en condicións de maior seguridade para o conxunto dos usuarios.

2 de xaneiro de 2015 | 12:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.