Gran éxito na estrea do Chanfaina ‘Lab

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Estrea do Chanfaina 'Lab

Estrea do Chanfaina ‘Lab

A Casa da Cultura encheuse o sábado pola tarde de xente grande e pequena para asistir á estrea das curtas filmadas dentro do proxecto Chanfaina Lab. Pero, sobre todo, encheuse durante 90 minutos dun cine distinto, variado e cheo de propostas que lle dan unha volta ás posibles miradas sobre un mesmo territorio. Ficción, documental, recreación visual, experimentación estética… todo posto ao servizo dun mosaico que retrata un San Sadurniño oculto detrás do cotián para quen vivimos aquí. A xornada do sábado foi o punto de saída dunha experiencia que a partir do venres empezará a estar dispoñible a través da rede e á que tamén poden acceder as entidades do concello que queiran facer pases nos seus locais.

O evento comezou puntual. Ás 18.30h. Manolo González -coordinador e principal impulsor do proxecto- e mailo alcalde presentaron as proxeccións agradecendo en ambos casos a “xenerosidade” de todos os autores e autoras participantes así como dos veciños e veciñas que se implicaron na elaboración das pezas. 

A partir de aí empezou un áxil rosario de intervencións de cada un dos creadores para deixar no aire unha pequena descrición do que quixeron contar coas súas obras. Estaban practicamente todos, só faltaban Brais Breijo e Xisela Franco por compromisos laborais, Xurxo Chirro por non atoparse en Galicia e Marcos Nine, que foi pai hai tan só uns días pero que, sen embargo, fixo un esforzo para chegar á última parte da proxección. O programa de man tamén se cumpriu case ao completo e só quedou pendente a proxección da curta “Tenis real” de Xosé Manuel Sande por causa dun retraso no revelado do material filmado en Súper 8. Outra das pezas que non se proxectaron foi a da autora local Ary López, que elixiu como tema principal facer un balance do Chanfaina Lab gravando o propio día da estrea.

As luces apagáronse a iso das sete do serán para un público expectante e cheo de curiosidade sen prexuízos. E a maxia do cine volveu obrar a miragre. Ante eles foron sucedéndose xoias de distinta duración elaboradas tamén sen prexuízos e nun tempo récord de gravación. A primeira foi a de Sonia Méndez, quen recolleu e plasmou con mestría o universo presente e pasado -e un tanto cunqueiriano- de “Café-bar Santos perruquería” valéndose da narración de Juan Santos e da impagable chispa do seu pai Pepe. Chispa que tamén captou Mario Iglesias en “E logo?”, convertendo a Carlos Cobelo e a Julia Gudín e o seu home en actores improvisados dunha trama que eles mesmos tiveron que construír a partir dunhas simples notas argumentais do director.

Guillermo Arias-Carbajal puxo unha nota de humor sobre a creación audiovisual e sobre a súa experiencia no Chanfaina en “Quen gravou en San Sadurniño?”. Pola súa banda, Juan Lesta e Belén Montero mesturaron en “Balada Cover” a posprodución dixital, a fotografía e a imaxe real coa poesía de Gabriel y Galán para mostrar unha peza moi experimental que nos levou aos tempos da belle epoque nos que viviu Natividad Quintdós. Un tema ao que tamén recorreron desde outra óptica Xacio Baño con “Solpor” e Xurxo Chirro con “Cartas da Conquista”. Este último autor asinou outras dúas curtas: “Ao patadón”, filmada nos terreos do antigo campo de fútbol da Bidueda, e “Teleclube”, no que rememora a época da chegada da televisión a Lamas.

As propostas máis arriscadas desde o punto de vista conceptual e visual viñeron da man de Jaione Camborda, Otto Roca, Alberte Pagán, Brais Breijo/Dani Lema e Pablo Portero/Fer Patiño. Camborda fixo un ensaio en Súper-8 sobre a relación entre o home e o can -ou o can e o home- titulado “A axilidade dos humanos”. Otto Roca achegou “SANSa SOLEIL”, unha obra filmada en grande parte mediante a técnica da solarigrafía, na que o sol creou imaxes caprichosas sobre varias películas cautivas en latas repartidas por distintos puntos do territorio. Pagán recreouse experimentando sobre as superficies de granito do Forgoselo, filmadas primeiro e proxectadas despois á súa vez sobre granito para volver ser gravadas construíndo unha textura que se realimenta. Pablo Portero e Fer Patiño mostraron o primeiro episodio dunha serie de 17 denominada “Amar”. A primeira peza filmouse en lugares da Costa Ártabra e no castelo de Naraío fundindo nun haiku visual home e natureza. 

O castelo tamén foi un dos escenarios para “Madeira de Piñeiro e Nova Zelandia non quedaban tan lonxe”, asinado polo realizador local Brais Breijo e por Dani Lema. Estes dous autores mostraron as posibilidades que ofrece San Sadurniño como localización cinematográfica e para iso xuntaron as bandas sonoras de filmes e series afamadas coas imaxes de distintos lugares do territorio nos que ben poderían terse filmado.

A paisaxe foi o fío condutor de varias curtas. Nuns casos como recreación para a vista e o oído e noutros disociando ambos discursos. Ángel Santos Touza xoga en “Camiños de Bardaos” coas rectas e cruzamentos da parcelaria mentres nos narra unha ucronía da parroquia apuntalada nun guión cheo de referencias ficticias…ou non. Víctor Hugo Seoane evoca o paso do tempo en “Á beira do Aceiteiro” mostrando estampas moi meditadas dos restos de muíños que tinguen a ribeira do rego. Muíños que mesmo podemos oír traballando entre a auga grazas a un exquisito tratamento sonoro. Á paisaxe tamén alude en certa medida Alfonso Zarauza en “A liorta”, contada mirando ao ceo e seguindo a maraña de cabos que atan de poste en poste San Sadurniño e tamén o resto de Galicia. 

Á mirada documental de Sonia Méndez e o seu “Café-bar Santos Perruquería” uníronse tamén as de Xisela Franco e Marcos Nine. Franco púxose ao servizo da veciña de Ferreira Cruz Piñón para que puidese contar de que maneira lle cambiaron a vida as TIC e de que maneira internet lle axuda a continuar medrando como persoa. A peza, de algo máis de trece minutos, presentouse como un dítico con pantalla partida na que asistimos ás dúas facetas da vida de Cruz: a do día a día da muller do rural e a da muller con ganas de aprender e de non deixar escapar o mellor dun mundo novo que se abriu diante dela. 

Marcos Nine pechou a sesión con “Chanfaina”, onde a música maxestosa de Mahler lle pon a banda sonora ao proceso de elaboración deste embutido. O autor xoga coa montaxe paralela e cunha realización na que abundan os planos de detalle, acentuados en todo momento por un son que capta incluso as puntadas do fío cosendo os rechos. Porén, “Chanfaina” non foi a derradeira proposta visual da tarde, xa que os créditos da proxección incluíron algunhas instantáneas domaking of captadas polo fotógrafo Gabriel Tizón durante os dous días de rodaxe en San Sadurniño a principios de setembro.

Máis Chanfaina a partir de agora

Despois da estrea do sábado, o Chanfaina Lab aínda vai continuar por tres camiños distintos. O primeiro é o dos autores e autoras, que seguramente movan as súas pezas en certames e festivais levando consigo o proxecto, o nome e as estampas de San Sadurniño alén das nosas fronteiras. 

O segundo é a plataforma falamedesansadurnino.org, onde a partir deste venres se irán estreando semanalmente cada unha das pezas proxectadas ademais de “Tenis real” de Xosé Manuel Sande e a curta que realice Ary López nos próximos días. 

A terceira vía de difusión do proxecto serán os pases que queiran facer as asociacións do municipio nos seus locais. Para organizar estas proxeccións itinerantes poden contactar co departamento de Cultura ou ben coa responsable da Rede CeMIT.

19 de xaneiro de 2015 | 12:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.