Finaliza a actuación de mellora en viarios municipais en Cerdedo
Esta obra realizouse coa brigada de operarios municipais a través do Plan urxente de mantemento de servizos e infraestruturas municipais da Deputación Provincial de Pontevedra. As actuacións consistiron na colocación dunha bionda protectora para previr as saídas de vía na estrada que une Cerdedo con Limeres. Esta bionda colocouse nun tramo aproximado de 300 metros onde había unha pendente moi pronunciada. Ademais é unha zona na que existe unha gran cantidade de arboledo de folla caduca que coa chegada dos meses de outono e inverno cae unha gran cantidade de folla, que mesturado co frio fai a estrada moi perigosa, de aí a imperiosa necesidade de colocar esta barreira protectora para evitar saídas de vía e que os vehículos poidan precipitarse polo barranco existente na zona.
Con esta actuación tamén se procedeu ao pintado de todos os pasos de peóns de Cerdedo debido ao deficitario estado de pintura que presentaban.
Por último acometeuse a instalación dunhas bandas reductoras de velocidade no entorno da praia fluvial que se instalan principalmente nos meses de verán debido á gran cantidade de usuarios da praia fluvial e para minimizar os riscos que poidan ocasionar os vehículos ao circular a velocidades excesivas. O importe ao que accederon todas estas actuacións foi de 22.028 € que está a certificar o goberno local para proceder á xustificación final ante o organismo provincial.











