A Deputación de Lugo esixe medidas contra a pobreza enerxética
A Deputación de Lugo esixe aos Gobernos central e galego medidas contra a pobreza enerxética que sofren máis de 7 millóns de persoas en España, segundo a Asociación de Ciencias Ambientais (ACA). Faino a través dunha moción que o grupo provincial socialista leva ao Pleno de mañá e na que se recollen datos do estudo sobre pobreza enerxética de dito colectivo como os seguintes: 7,4 millóns de españois destinan máis do 10% dos seus ingresos ao pago de gastos enerxéticos. 455.000 destas persoas son galegos.
Sofren pobreza enerxética, situación que, segundo indica ACA, se produce cando os membros dun fogar son incapaces de pagar os servizos enerxéticos suficientes para satisfacer a súas necesidades domésticas e se ven obrigados a destinar unha parte excesiva dos seus ingresos ao pagamento da factura enerxética das súas vivendas.
A datos da Asociación de Ciencias Ambientais, como que 4,2 millóns de españois non poden manter o seu fogar a unha temperatura axeitada, 192.000 son galegos; engádense os da enquisa de condicións de vida do INE: o 16,6% dos fogares galegos teñen moitas dificultades para chegar a fin de mes polos gastos domésticos e o 5% teñen atrasos nos pagamentos relacionados coa vivenda principal.
Lexislación “insuficiente”
A Unión Europea instou a Estados membros a adoptar medidas contra a pobreza enerxética derivada da crise social e económica. As normas europeas foron elaboradas cun dobre obxectivo: primeiro, garantir unha subministración de gas e electricidade imprescindible para garantir unha vida digna asociada á vivenda habitual, e a un custo alcanzable para o consumidor vulnerable; e segundo, prohibir a desconexión en períodos críticos. Mentres países comunitarios aprobaron normas ao respecto, “a lexislación española limitouse a desenvolvementos absolutamente insuficientes”, apunta a moción do socialistas.
O grupo provincial do PSOE na Deputación cree “imprescindible” que o Goberno central aprobe unha Lei que solucione os problemas máis urxentes e prexudiciais de pobreza enerxética, e que marque a orientación prioritaria da Administración á hora de afrontar as principais causas polas se produce e manifesta. Estima preciso que se lexisle para que a subministración de enerxía sexa un dereito social básico, para que os consumidores vulnerables accedan a unha tarifa social en función dos seus ingresos e non do mercado, e para que non haxa cortes no subministro en inverno.











