Os concellos da Coruña e Arteixo avanzan coa Xunta na mellora dos servizos de transporte metropolitano e urbano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArteixo
A-
A+
Helena de Lucas na reunión con representantes do Concello da Coruña e de Arteixo

Helena de Lucas na reunión con representantes do Concello da Coruña e de Arteixo

A Xunta e os concellos da Coruña e Arteixo iniciarán en breve a tramitación dun convenio para unha mellora na mobilidade dos veciños de Meicende, habilitando o acceso do autobús urbano a este núcleo poboacional. A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, reuniuse hoxe co tenente alcalde da Coruña, Julio Flores; e co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo. Nesta xuntanza tamén estivo presente a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

Coa sinatura do convenio satisfarase unha demanda de hai décadas dos veciños de Meicende, que viñan reclamando que o autobús urbano, que pasa polo barrio para ir á refinería, preste servizo tamén a esta poboación.

A directora xeral de Mobilidade indicou que “a mellora dos servizos na área metropolitana da Coruña pasa non só por actuacións puntuais como esta, para que o bus urbano pase pola citada localidade, senón tamén por mellorar as actuais liñas da área de transporte metropolitana, permitindo o seu acceso ao centro da cidade da Coruña”. Neste sentido, na reunión acordouse a próxima constitución dunha comisión técnica para o acceso do metropolitano a cidade.

Helena de Lucas destacou “a coordinación das tres administracións reunidas, que traballan de xeito conxunto para acadar a solución máis axeitada para os usuarios do transporte público”.

11 de novembro de 2014 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.