O plan director de Rede Natura supón a folla de ruta para a xestión nos espazos protexidos galegos
A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, impartiu hoxe unha conferencia dentro do ciclo Luís Asorey, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias na cidade de Lugo. Nesta charla, explicou que o Plan Director de Rede Natura supón a folla de ruta para establecer medidas de xestión nos espazos protexidos galegos. Así mesmo, na conferencia a directora xeral subliñou que é o Plan Director de Rede Natura; a súa lexislación; o seu estado de conservación e os beneficios que reporta, para o territorio. Así mesmo, analizáronse cuestións desde diferentes puntos de vista, das administracións, das asociacións ecoloxistas e dos propietarios dos térreos, entre outros. Nestas xornadas tamén se celebrarán exposicións sobre esta materia.
Tellado explicou que as Comunidades autónomas e o Estado establecen tres etapas na configuración e xestión da Rede Natura. A primeira consiste na elaboración dunha lista provisional de lugares co fin de ser designados Lugares de Importancia Comunitaria (LIC). A segunda etapa levou consigo a designación da lista dos lugares definitivos, que, no caso de Galicia, os da lista atlántica foron aprobados mediante Decisión da Comisión de decembro de 2004; e a terceira etapa, que acabamos de acadar en Galicia, sendo a terceira Comunidade en logralo tras Canarias e A Rioxa, consiste na designación dos LIC como Zona Especial Conservación (ZEC).
Non obstante, a responsable de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente indicou que “non basta só con isto, a declaración vén acompañada da obriga de establecer medidas de xestión que eviten o seu deterioro. As ZEC aprobaranse, polo tanto, xunto co correspondente plan ou instrumento de xestión”.
Cabe sinalar que Galicia é unha das áreas da rexión atlántica europea con maior grao de diversidade de especies de fauna e flora silvestre. Tellado lembrou que “é un feito que os hábitats naturais degrádanse e que un número crecente de especies silvestres están ameazadas, polo que é preciso adoitar medidas organizativas”. Para garantir o mantemento do estado de conservación dos hábitats naturais e das especies de interese comunitario deben designarse zonas especiais de conservación coa fin de conformar unha rede ecolóxica coherente.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Urbanismo, optou polo establecemento das medidas a través dun plan de ordenación dos recursos naturais que integra no seu ámbito da planificación, ademais dos criterios emanados das disposicións que conforman o marco vixente en materia de conservación da biodiversidade, aqueles plans e programas con incidencia na conservación e xestión do medio natural como as Directrices de ordenación do territorio ou do Plan de ordenación do litoral.
O Plan director define un programa de medidas encamiñado a harmonizar a conservación dos hábitats e especies cos usos e aproveitamentos necesarios para garantir o desenvolvemento dos habitantes do territorio incluído na Rede Natura 2000. O seu obxectivo é manter ou restablecer un estado de conservación favorable dos hábitats naturais e das especies de flora e fauna de interese para a conservación, tendo en conta as esixencias económicas, sociais e culturais, así como as particularidades rexionais e locais.











