Máis de 2.000 persoas participarán na carreira popular contra o cancro “Corre por Ferrol”
Máis de 2.000 persoas, de todas as idades, participarán o vindeiro domingo, día 9, na “II Carreira Popular Contra o Cancro Corre por Ferrol” que percorrerá 5 quilómetros pola zona centro da cidade. Para garantir a seguridade dos/as corredores/as, se establecerá un dispositivo especial que pechará diferentes rúas de Ferrol.
O evento está organizado pola Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) e o Concello de Ferrol, a través da Concellería de Deportes, e conta co patrocinio de diferentes empresas privadas. A proba ten un importante carácter solidaria, xa que todos os fondos recadados serán integramente destinados á AECC. A segunda edición da Carreira Popular Contra o Cancro “Corre por Ferrol” sairá da Praza de Armas para a categoría absoluta a partir das 12:00 horas, mentres que as categorías menores realizarán outras distancias a partir das 11:00 horas.
Dispositivo especial de seguridade
O Concello de Ferrol estableceu un dispositivo de seguridade que, entre as 10:45 e as 13:30 horas do domingo, pechará o acceso ao tráfico a diferentes tramos das rúas Galiano, Terra, Rubalcava, Carme, Real, Lugo e Praza de Armas. Así mesmo, e para garantir a seguridade dos participantes, entre as 11:45 e as 13:30 horas, se amplía o peche de rúas a novos treitos da rúa Real, Espartero, estrada Alta do Porto. Ademais, neste último horario, tamén se cortarán en dirección ao porto as rúas Espíritu Santo, Rastro, Irmandiños, Igrexa e o paseo da Mariña, permitindo a circulación no outro sentido.











