Apertura do prazo de inscrición para a carreira popular “Invasión Celeste”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVigo
A-
A+

A Fundación Celta de Vigo presenta unha nova proposta para animar ao celtismo a continuar unido e ilusionado co equipo. Trátase dunha carreira popular que terá lugar o luns día 8 de decembro con inicio e meta no estadio de Balaídos. A carreira levará o nome de “Invasión Celeste” e o seu obxectivo é tinguir de celeste as rúas da cidade e ofrecer a todos os afeccionados unha xornada lúdica chea de deporte, celtismo e diversión.

A carreira dividirase en 3 probas. A proba principal será de 6 quilómetros e discorrerá polas rúas próximas ao estadio e parte do paseo do río Lagares. A segunda proba irá destinada aos nenos e nenas de entre 6 e 12 anos e constará de 1 quilómetro ao redor do Estadio, e unha última proba destinada aos máis pequenos, denominada “Chiquicelta” que terá lugar no interior do Estadio e será de 50 metros.

11:00 Proba Chiquicelta
11:30 Proba de 6 a 12 anos
12:00 Proba adultos

O custo da inscrición é de 6 euros para todas as categorías excepto Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete que será de 1 euro e Chiquicelta que será gratuíta. Os beneficios da carreira irán destinados á canteira do Real Club Celta de Vigo.

As inscricións realizaranse a través da páxina web do cronometrador www.championchipnorte.com (http://bit.ly/1H0FXqP) mediante pago con tarxeta de crédito. Para participar nas probas non é preciso estar federado.

15 de novembro de 2014 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.