A Cañiza acolle o IV Magosto Popular e o II Serán da Castaña
O 15 de novembro a céntrica Praza Maior da Vila acollerá no seu baixo a celebración do IV Gran Magosto popular a partires das nove da noite. Como en edicións anteriores ademáis de castañas asadas, o Concello preparará bocadillos de chourizo asado regado cos viños da zona. Ao finalizar os asistentes poderán disfrutar da tradicional queimada que será conxurada como manda a tradición.
Este ano ademáis contamos co espectáculo “Soños dunha Terra” a cargo dos artistas BRUXO QUEIMÁN e ANDREA POUSA que a partires das 10 da noite representarán este novo traballo. Unha obra diferente e interactiva co público que combina actuación, danza, música, canto e interpretación.
Pero este magosto conta, un ano máis, cun valor engadido da man da Asociación Cultural Furafollas de Oroso. A Asociación completa a programación do Concello organizando, neste mesmo emprazamento e a mesma hora, o II Serán da Castaña que contará con música tradicional e as cancións galegas recopiladas da memoria popular e que agora se recuperaron grazas ao interese das mulleres e homes da localidade que se están esforzando porque non desaparezan estas pezas da cultura musical popular galega.
En A Cañiza existe unha grande tradición de seráns, de feito durante todo o ano celébranse varias edicións nas parroquias de Achas e de Oroso, destacando o Serán de Randufe pioneiro na recuperación desta tradición musical e na que as veciñas deste lugar de Achas levan traballando dende hai xa moitos anos. Dende o Concello queremos felicitalas a todas elas por esta valiosa labor de compilación e recuperación que están desenvolvendo, conseguindo sacar do esquezemento unha parte importante da nosa cultura.
Que é un SERÁN:
O Serán é o nome que se lles deu ás festas que organizaban as xentes das aldeas dos concellos do interior de Pontevedra como é o caso da Vila de A Cañiza, no tempo en que non había outra forma de entretemento. Comezaban á tardiña, no serán. Según contan as nosas veciñas máis longevas o serán empezaba cunha secuencia de bailes soltos (jotas e muiñeiras) e logo pasaban aos agarradiños (sobre todo pasodobles). Esta organización permitía saber aos bailaríns qué peza lle tocaba bailar con cada quen. Os máis pícaros sempre agardaban estos agarradiños.