O Pleno de Ordes aproba medidas para evitar o paso de camións polo casco urbano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

O Concello de Ordes solicitará da Xunta de Galicia a cesión da titularidade das estradas AC-412 Ordes-Carballo e AC-524, ao seu paso polas rúas dos Lagartos e Recreo (respectivamente), e que asuma a titularidade da Rolda Leste e da estrada de Mercurín como medidas para evitar o paso de tráfico pesado polo centro da vila de Ordes, especialmente dos camións que se dirixen ao vertedoiro de SOGAMA ou á planta de Gesuga. Unha petición presentada polo grupo nacionalista e que foi emendada polo PSOE de Ordes, que conseguiu incluír a petición de que a Xunta asuma a titularidade tanto da Rolda Este como da estrada de Mercurín.

“Isto que pedimos non é nada extraordinario senón que é o que acontece en practicamente todos os municipios onde se executa unha circunvalación: o Xunta asume a titularidade do novo vial que acaba de poñer en marcha e o Concello asume o tramo do antigo vial, neste caso a rúa dos Lagartos”, explica Xesús Pedreira, voceiro dos socialistas ordenses.

Apoio ás mocións socialistas

Pedreira amosou a súa satisfacción pola aprobación das tres mocións presentadas, aínda que lamentou a abstención do Partido Popular á hora de solicitar a reposición dos 22 profesores perdidos polos centros educativos de Ordes nos últimos catro anos: 13 no IES Nº1 de Ordes, 5 no Maruxa Mallo, 1 no Campomaior e 4 polo peche das unitarias. Un feito que denunciou especialmente Xesús Pedreira xa que “o acontecido coas unitarias amosa a política cínica da Xunta de Galicia que de portas afora di que hai que fixar xente no rural e despois quita do rural servizos básicos como as escolas”. Así mesmo, tamén se aprobou a proposta de solicitarlle ao Goberno do Estado o mantemento do Instituto da Muller como organismo autónomo.

Outra moción socialista que saíu adiante foi a de instar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a que utilizar o canon da auga que lles leva cobrando aos veciños e veciñas do municipio para arranxar os depósitos de auga de Reboredo, situados nas proximidades do polígono empresarial de Merelle. Uns depósitos que abastecen á vila de Ordes, que teñen máis de 50 anos e que contan con fendas nas súas paredes exteriores, situación que vén denunciado o PSOE de Ordes dende 2013. Pedreira lamentou a abstención do PP, “sobre todo porque o xustifican dicindo que na Consellería non hai constancia desta petición, o cal non é certo porque hai xa unha petición de cando os socialistas estabamos no Goberno de Ordes e o ano pasado volvemos a presentar esta petición como emenda aos orzamentos e foi rexeitada polo Partido Popular”.

Aceptación dos rogos

Por último, os socialistas ordenses amosaron a súa satisfacción pola aceptación dos seus rogos, que inclúen:

– dar continuidade ás beirarrúas en Alfonso Senra e Rúa Nova, na entrada cara a rúa Mundito, rebaixando os bordes para que poidan circular os vehículos dos veciños desta rúa que teñan que acceder a garaxes, os de emerxencias e os de carga e descarga.

– Enviar á Policía Local a evitar problemas de tráfico á saída do IES Nº1, especialmente en días chuviosos

– habilitar a zoa central do mercado de Abastos para que, os mércores, acolla a venda de estes produtos primarios do campo, para potenciar o inmoble e garantir unha maior hixiene e salubridade.

– Demandar dos donos do solar entre a rúa Recreo e a rúa Víctor González Faya a poda dunha figueira que invade a beirarrúa.

– aplicar a ordenanza municipal a aquelas persoas donas de cans que non recollan os excrementos destes, sobre todo cando son reincidentes, e volver facer unha campaña contra esta falla cívica de convivencia. Así mesmo, pediuse que a Policía Local vixíe a presenza de cans de razas perigosas nos lugares de recreo, entretenemento e xardíns, e que se aplique a Ordenanza para a seguridade dos veciños.

31 de outubro de 2014 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.