O Concello de Lalín rexistra ao ano máis de 100 festas nas 51 parroquias
Son datos extraídos dun recente estudo do Concello de Lalín, realizado por Cecilia Doporto e Elena Abollo, no que tamén se recollen algunhas tradicións festeiras de antano como os globos de papel de Barcia, o Clamor de Bermés ou poxas de animais en Catasós e Muimenta, entre outras parroquias e lugares, xunto con festexos de recente creación como a festa da Lata de Donsión ou a do polo á brasa de Barcia
A riqueza etnográfica, cultural, gastronómica e relixiosa que posúe Galicia co seu máis que extenso calendario de festas, concentradas nos meses de verán, aínda que tamén ciscadas ao longo do ano, ten en Lalín unha vigorosa mostra de forza, pois no concello capital da Comarca de Deza se celebran máis dun cento de festexos, segundo reflicte un estudo do Concello de Lalín, acabado de facer, sobre as festas nas 51 parroquias lalinenses, e cuxo traballo de campo realizou Cecilia Doporto, coa colaboración de Mª Elena Abollo, ambas as dúas traballadoras municipais.
No pormenorizado inventariado festivo lalinense realizado principalmente en base á recollida oral dos testemuños dos/as pedáneos/as (ou nalgúns casos dos seus familiares), e tamén consultando a bibliografía existente ao respecto (García Porral, X. C. e González Murado, O. “Realidade eclesiástica do Concello de Lalín na época postridentina” publicado polo SED no ano 2006 e Pro Ruiz, J. “Las capellanías: familia, iglesia y propiedad en el Antiguo Régime en Hispania Sacra. Madrid 1989), Doporto e Abollo cuantificaron un total de 98 festas en honor a distintas divindades, a maiores doutras de carácter gastronómico ou etnográfico como poden ser as sardiñadas, os magostos, a malla tradicional de Doade, a Feira dos Carballiños de Vilatuxe, a Festa do Xamón de Bermés, os Reencontros Históricos de Donramiro ou a propia Feira do Cocido, polo que o número final sobe bastante das 100.
En canto aos santos que se lle renden festas no seu honor nas diferentes parroquias hai preto duns 50, entre eles: Santa María, San Antonio, San Pedro, a Inmaculada Concepción, San Andrés, San Xoán, as Mercedes, San Amaro, a Virxe do Carme, San Mauro, a Virxe dos Remedios, a Virxe de Lourdes, San Roque, a Virxe de Fátima, San Facundo, Rosario, San Estevo, San Cristovo, Virxe dos Desamparados, San Pedro, Santa Mariña, San Martiño, a Virxe dos Milagres, San Xurxo, o Montserrat, San Xoán Degolado, Virxe da Piedade, Santa Ana, Santiago, San Mamede, San Brais, San Miguel, San Ramón, a Virxe das Dores, San Pelaio, Santa Eulalia, Santo Adrián, Santa Lucía, San Lourenzo, Santa Cruz, San Benito, Santo Domingo, San Caetano, San Andrés, Santa Mariña, as Angustias e San Manuel.
SANTOS MÁIS “CELEBRADOS”
A Virxe do Carme (que se celebra en Barcia, Catasós, A Veiga, Moneixas, Palio, Parada, Vilanova e A Xesta); Santa María (Donramiro, Albarellos, Alemparte, Bermés, Noceda, Soutolongo, Xaxán e Cristimil); San Antonio (Alperiz, Catasós, Goiás, Lalín de Arriba e Vilatuxe); San Roque (Puxallos-Catasós, Losón, Méixome); o Santiago (Fontecabalos, Gresande, Lebozán e Sello) e son as deidades nas que se fan máis festas na súa honra, unhas trinta levan o seu nome. Ademais son moitas as parroquias que celebran o San Xoán dun xeito máis pagán con magostos e fogueiras.
PARROQUIAS CON MÁIS FESTAS
A meirande parte das parroquias lalinenses celebran ademais da festa do patrón algunha máis, isto é, son poucas as que fan só un festexo. Hainas con ata 6 festas ao ano como é o caso da de Goiás: as Angustias de Pareizo, San Miguel, San Antonio, Virxe do Rosario, San Ramón e Virxe do Carme, estas dúas na Veiga, segundo os datos achegados no dito estudo de campo; con 4 como Moneixas (Santo Adrián, a Virxe do Rosario, Virxe do Carme e Santa Lucía) e moitas son as parroquias que teñen ata tres festividades como Anzo, Barcia, Catasós, Fontecabalos, Gresande, Lalín de Arriba ou Losón.
FESTEXOS FÓRA DOS MESES DE VERÁN
Seguindo o común denominador das festas galegas, as de Lalín non son unha excepción e a maior parte desenvólvense en xullo e agosto, tamén en xuño e setembro, aínda que as hai, menos comúns, noutros meses como, por exemplo, a Santa María de Alemparte (o último domingo e luns do mes de maio); a Inmaculada Concepción de Alperiz, que se celebra o propio día 8 de decembro; o San Andrés en Anseán e en Val (o 30 de novembro); o San Xoán de Anzo (o último domingo de maio); o San Estevo de Barcia e de Cadrón (o 26 de decembro); o San Facundo de Busto o 27 e 28 de novembro; o San Martiño de Cello o 11 de novembro; o San Brais de Galegos, o primeiro sábado de febreiro, o San Miguel e San Antonio de Goiás, na primeira semana de maio; Santa Eulalia e San Roque, o segundo domingo de decembro en Losón; a Virxe da Fátima en Maceira, a primeira fin de semana de maio; Santa Lucía de Moneixas o 13 de decembro; a Virxe do Carme de Palio o 15 de maio ou o Pilar de Meixomín, entre algunha outra.
TRADICIÓNS FESTEIRAS DE ANTANO
O dito estudo do Concello de Lalín tamén presta unha especial atención a tradicións festeiras de antano e a festas que se celebraban antigamente nas parroquias da man dos testemuños orais dos alcaldes pedáneos das parroquias. Así, en Anseán recóllese que no século XVIII existía unha confraría dedicada a San Andrés, o patrón parroquial; en Anzo tamén hai anos había unha confraría dedicada ao Santísimo, a San Xoán Bautista e á Nosa Señora do Cruceiro (estímase tamén no século XVIII) e en Barcia había por esas datas unha confraría adicada a San Mauro e tamén capelanías de San Antonio, San Francisco, San Estevo e San Agostiño.
En Bendoiro existía a ermida de Santa Lucía e San Antonio e antano existía unha confraría dedicada ao Santísimo, San Miguel e Nosa Señora do Rosario e de Lourdes. E tamén as capelanías de San Antonio de Padua e do Bon Xesús. E en Bermés había unha capelanía de San Roque, ademais dunha ermida da Virxe do Carme, figura que había unha confraría dedicada ao Santísimo.
A recente investigación feita das festas lalinenses tamén indica que en Botos había unha ermida dedicada a San Xoán de Fontesanta, unha confraría dedicada a San Bartolomé e ao Santísimo e tamén a capelanía de San Antonio e San Idelfonso. En Busto tamén está constatado que existía unha ermida dedica a San Andrés Apóstolo e no século XVIII figura que había unha confraría dedicada ao Santísimo. En Cadrón, había capelanía de Santa Lucía, dúas ermidas dedicadas a San Antonio e San Marcos e unha confraría dedicada ao Santísimo e en Camposancos dúas confrarías do Santísimo e de San Bieito. Na parroquia de Cangas existiron dúas ermidas dedicadas a San Andrés e á Virxe dos Desamparados e unha capelanía adicada a Santa Mariña.
En Catasós había unha ermida da Virxe do Carme, outra de Santa Mariña (que aínda existe en Belelle) e outra de San Roque (en Puxallos e que aínda se conserva) e houbo outra dedicada á Inmaculada. No século XVIII figura que había confrarías dedicadas a Santa Ana, San Sebastián, San Kiriko, a Virxe do Carme, a Santa Lucía Virxe, o Santísimo e a Santiago Apóstolo. E tamén a capelanía de San Ciriaco e San Antonio de Padua.
En Cercio existía a ermida da Virxe de Santa Baia. No século XVIII figura que había confrarías adicadas á Virxe do Carme, ás Animas e a San Mauro. E tamén a capelanía de San Miguel, San Marcos, San Ramón e a Virxe do Carme. En Cristimil figura que había confraría dedicada ao Santísimo e tamén unha capelanía de Santa María Salomé.
En Doade existía a ermida da Virxe do Montserrat e San Martiño. No século XVIII figura que había confrarías dedicadas a San Pedro e ao Santísimo e unha capelanía a San Xosé.
Fai anos en Donramiro había confrarías dedicadas ao nome de Xesús e ao Santísimo. E tamén unha capelanía do Santo Nome de Xesús e da Virxe dos Milagres. En Donsión había confrarías dedicadas ao Rosario, a Degolación de San Xoán e ao Santísimo; en Filgueira unha confraría dedicada ao Santísimo, ao igual que en Erbo, e en Galegos confrarías dedicadas a San Brais, ao Santísimo e unha capelanía a San Antonio de Padua.
En Gresande figura que había confrarías dedicadas a Santiago e ao Santísimo. E tamén á capelanía de San Xoán de Puente e a de Santa María Salomé. A Inmaculada e o San Antonio tiñan capela propia en Lalín de Arriba e había confrarías nesta parroquia dedicadas á Santísima Trinidade, a Virxe do Carme e o Santísimo. En Lodeiro había unha ermida da Inmaculada e San Caetano e San Vicente. Fai ano figura que había unha confraría dedicada a San Paio.
En Noceda había unha ermida da Virxe dos Remedios e confrarías dedicadas ao Santísimo, ao Sagrado Corazón e ás Mercedes. E capelanía de San Antonio. E en Palio confrarías dedicadas ao Santísimo e a San Roque e capelanías de San Roque, Santa Catalina e Santo Anxo Custodio.
Tamén Parada, Palio, A Veiga, Vilanova, Zobra e Vilatuxe contaban con confrarías dedicadas a San Pedro, a San Martiño , ao Santísimo, ao Rosario, Santa Lucía e San Francisco, entre outras varias deidades.
GLOBOS DE PAPEL EN BARCIA
En Barcia polo día da Virxe do Carme os veciños facían globos de papel e botábanos ao aire, unha tradición susceptible de recuperarse.
O CLAMOR DE BERMÉS
En Bermés era famosa a procesión de “O Clamor”, que tan ben describe o profesor Antonio Vidal Neira nun traballo recollido no seu blog (persoalhttp://historiadeza.wordpress.com/2014/04/04/las-rogativas-del-clamor-de-bermes-a-vilarino/#more-1615). A Virxe de Bermés e a de Vilariño (Agolada) eran sacadas en procesión para interceder polas choivas ou polo sol, segundo o que fixera falta no momento. Hai uns 25 anos que se celebrou a última procesión.
POXA DE ANIMAIS E RECITAIS DE VERSOS
A poxa de animais polo día da Virxe do Carme era habitual en Catasós e tamén en Muimenta en diversos momentos do ano no atrio da igrexa parroquial. En Goiás hai anos celebraban o día de Corpus un recital para “botar o verso” e estase a recuperar o “baile dos mozos” que se facían na procesión da Virxe do Rosario.
Na parroquia de Losón celébrase o primeiro de maio o día de “As fillas de María” e aínda se conserva a tradición de recitar versos os nenos cando fan a primeira comuñón. Caso destacado é a parroquia de Losón co santuario mariano da Nosa Señora do Corpiño como lugar de afluencia continua de xente chegada dos máis diversos puntos pedindo favores á Virxe. En Maceira hai anos celebrábase o día da Virxe Santa.
Polo día da Virxe do Carme antes en Moneixas viñan “romeiros” de toda España e o cura impoñía as reliquias da Virxe. En Muimenta existía a capela da Virxe do Carme e tamén capelanía de San Roque. Hai anos celebrábase o día da Virxe de María polo 13 de maio e había tradición de recitar os versos á Virxe.
CABEZUDOS EN SANTISO
Santiso conta cunha ermida da Virxe das Dores (pazo particular dos Velón). Como dato destacable é que a procesión das imaxes de San Ramón e Santo Domingo son acompañadas por dous cabezudos: “Os papanatas”. Este ano saíron. En Sello hai anos celebraban o día da Virxe da Apolonia (domingo de Carnaval) que xa non se celebra. En Soutolongo aínda sae a procesión co palio.
FESTAS NOVAS OU RECUPERADAS
Pero non todas son tradicións, algunhas delas recuperadas, afortunadamente. Tamén hai festas que botan a andar, ligadas a cuestións etnoculturais ou gastronómicas na súa maior parte como en Barcia onde se está empezando co polo á brasa; en Donramiro, a festa do Mexilón; a Malla de Doade (vai xa por 15 anos), os Reencontros Históricos de Donramiro; a Festa da Lata de Donsión ou a Feira dos Carballiños de Vilatuxe.











