O Concello de Cedeira investirá 50.000 euros na pavimentación de pistas en San Román
O concelleiro de Obras e Servizos, Alfredo Vilela, informou da adxudicación das obras de pavimentación da pista que une Vila do Río, o principal núcleo de poboación da parroquia de San Román, coa zona do Toco, en Esteiro. Vial que discurre en paralelo ao río. A intervención ronda os 50.000 euros, que se financiarán con fondos propios municipais, e conta cun prazo de execución de dous meses. Actuaráse sobre un tramo superior aos dous quilómetros, con diferente ancho de vía –de catro metros ao longo de 1,8 kms e de tres en 235 metros-.
Os traballos incluirán o acondicionamento e reparación do firme; a limpeza e perfilado das cunetas en terra e máis a instalación de sinais verticais de Stop nas interseccións cos camiños asfaltados existentes de cara a mellorar a seguridade vial. Non será esta a única inversión que recibirá Vila do Río nos próximos meses, xa que segundo explicou o edil está en licitación outra importante actuación que permitirá acondicionar o vial que une este punto con Veciñeira (tamén na parroquia de San Román). Neste último caso, as obras financiaránse con cargo ao DTC 93 da Deputación provincial da Coruña.











