A ministra de Sanidade reunirase esta semana coas CCAA para analizar a situación tras o primeiro contaxio en España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia-
A-
A+

A ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Ana Mato, avanzou no Congreso que “esta mesma semana” convocou un Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) para analizar coas comunidades a situación producida despois de confirmarse o primeiro contaxio polo virus do ébola en España.

   Así o recoñeceu na sesión de control no Congreso, na que se sometía a varias preguntas da oposición por outros temas pero na que os deputados aproveitaron a súa intervención para pedirlle explicacións pola situación.

   Mato asegurou que esta semana se reunirá coas comunidades pero non precisou a data do devandito encontro. Así mesmo, fontes do seu departamento tampouco confirmaron o día da reunión, nin se se producirá na sede do Ministerio.

   Ademais, a ministra recordou que solicitou a súa comparecencia no Congreso e que o fará “nos próximos días” cando os deputados “o decidan”.

   Así mesmo, defendeu a súa actuación ante este primeiro contaxio por ébola xa que, tras confirmarse a infección da auxiliar de Enfermaría, compareceu “inmediatemante” para “explicar aos cidadáns con transparencia o que sucedera” e “transmitir que están a poñer todos os medios para evitar calquera tipo de contaxio”.

   A maiores, este martes constituíu unha Comisión de Coordinación coa Comunidade de Madrid que se reunirá a diario para investigar como se puido producir o contaxio, facer seguimento de contactos da enfermeira e dar conta do que se vaia desenvolvendo.

   “Estamos a adoptar todas as medidas necesarias para garantir a seguridade de todos os cidadáns”, resaltou Mato, que ademais recoñeceu que lle gustaría contar co “apoio” do resto de grupos parlamentarios ata que resolva esta situación.

8 de outubro de 2014 | 11:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.