A acampada da dignidade continúa ás escuras no monte do Castro
Fai xa dúas noites, o monte do Castro, nas inmediacións da Cruz, onde residen acampados os integrantes do campamento da dignidade de Vigo, quedou ás escuras. A luz foi cortada de todos os farois da zona, facendo impracticable o tránsito.
Deuse parte desta avaría ás continuas visitas policiais, xa que moitos residentes da zona deben utilizar lanternas para pasear aos seus cans ou facer deporte, porque a partir das 21 da noite, a zona queda totalmente ás escuras, o cal tamén vulnera a seguridade do parque.
O concello de Vigo, polo momento non enviou a ningún operario a reparar a incidencia, e o campamento continúa ás escuras. Tamén resaltan que non se acudiu a recoller o lixo a esa zona, o cal dificulta a firme intención de manter o perímetro limpo e hixiénico. Os acampados exponse unha posible estratexia de desgaste que tente facerlles abandonar a protesta, ao deixarlles sen os servizos básicos.
Pasando a cicloxénese desta semana aguantando a enorme tromba de auga nas súas tendas, néganse a abandonar a Cruz ata que se lles reciba no concello para tratar a súa problemática social.
Así mesmo, este sábado, día 18, informouse aos visitantes de clase alta que acudiron á cidade no luxoso cruceiro, da situación da acampada e as súas motivacións. As excursións e visitas ao monte do Castro, a tarde do sábado, pasaron varias veces pola mesma, e entregouse aos estranxeiros un panfleto en inglés explicando a reivindicación e a necesidade que está a pasar a cidadanía de Vigo e que motiva esta protesta.
Os estranxeiros mostráronse moi sorprendidos de que “nunha cidade tan bonita puidese haber tanta fame”, chamándolles moito a atención os luxos que observaban “por fóra” na súa visita, como escaleiras mecánicas na zona vella ou certo paisaxismo extremadamente coidado, para logo atoparse aos cidadáns durmindo en tendas asegurando que non tiñan para comer e que esperaban polas súas axudas sociais até 8 meses. Atoparon esta situación “lamentable” e marcháronse apenados do monte do Castro, observando ás familias cos seus fillos facendo un bote común para a comida dese día.
Os acampados mostráronse satisfeitos de que o seu sacrificio reflicta unha imaxe real e verdadeira do que está a suceder en Vigo en canto á política social, atopan vergoñoso que se esconda a pobreza e que se provea de luxos o centro a conta do orzamento municipal, luxos que son unicamente para a comodidade do turismo, cando os cidadáns están a sufrir necesidades tan graves nas súas casas.
Para reinvindicar este feito, ante a chegada do cruceiro trasladáronse unha hora á Xunta de Galicia, onde corearon consignas como “A pobreza non se esconde, se combate con xustiza”, mentres repartían panfletos en inglés aos visitantes, vestidos con chalecos fluorescentes que rezaban “pan, traballo e teito”, como a pancarta que ondea no campamento da dignidade de Vigo, a pé da controvertida Cruz do Castro, e que seguirá adiante até obter unha solución digna.











