Discurso do Debate do Estado da Autonomía de Alberto Núñez Feijóo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia-
A-
A+

EMPREGO: Mantén como prioridade a loita contra o paro e anuncia un 50% máis de recursos para o emprego xuvenil e un plan específico que fomente a contratación de maiores de 45 anos.
INDUSTRIA: Propón adaptarse á nova realidade económica cun Plan de Diversificación que dea valor engadido aos sectores tradicionais e potencie novas actividades.
INNOVACIÓN: ve a Galicia nunha posición destacada, que reforzará con 8 unidades mixtas e cunha rebaixa de impostos para o fomento da investigación.
EDUCACIÓN PÚBLICA: máis de 51.000 teñen xa un ordenador no ensino público e máis de 85.000 unha educación trilingüe en Primaria e Secundaria e o Plan de plurilingüismo estenderase ao Bacharelato o vindeiro curso.
SANIDADE PÚBLICA: 3 de cada 10 galegos teñen xa ao seu carón un hospital público ou centro de saúde novo ou renovado e chegarase a 7 de cada 10 en 2016.
SERVIZOS SOCIAIS PÚBLICOS: incrementáronse un 45% as prazas públicas de servizos sociais, impulsouse unha Lei de accesibilidade e atenderase 2.000 novos dependentes antes de que remate o ano.
DEMOGRAFÍA: Galicia terá o dobre de prazas públicas de gardería ao final de lexislatura, coa creación de 2.000 máis, e anuncia novas rebaixas fiscais que a converten na Comunidade que máis incentiva a natalidade.
FORMACIÓN: Galicia conxela por cuarto ano as taxas universitarias máis baixas de España e crea un 54% máis de prazas de Formación Profesional.
ENERXÍAS RENOVABLES: amplía á xeotermia as posibilidades de Galicia neste eido e concreta unha rebaixa de impostos para os fogares que invistan en renovables.
TERRITORIO: destaca a necesidade dunha Lei do solo que perdure no tempo e subliña os novos mecanismos que a norma incluirá contra as edificacións inacabadaa.

>>>>>>>>>>

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, defendeu hoxe un “autogoberno responsable” que “asegura os servizos públicos de hoxe e do mañá” e “pon en valor Galicia para “xerar novas oportunidades” e seguir creando emprego. Así o manifestou hoxe no seu discurso do Debate sobre o Estado da Autonomía, no que subliñou que “os galegos están á altura das circunstancias” e no que pediu unha Cámara “á altura dos galegos”.

O presidente autonómico situou como a principal prioridade do Goberno galego a loita contra o desemprego, que situou como o obxectivo clave de todas as políticas que a Xunta vén desenvolvendo. “Non nos conformamos con que Galicia sexa unha das catro comunidades nas que máis baixou o paro no último ano; non nos conformamos con que haxa 10.814 afiliados máis que hai doce meses se aínda existen moitas familias con todos os seus membros en paro; nin con que o número de afectados por expedientes de regulación de emprego se reduciran entre xaneiro e xuño case á metade”, aseverou.

Nesta liña, avanzou dúas novas decisións: a primeira delas, ampliar o Plan de Emprego Xuvenil cunha inxección de 48 millóns de euros a maiores, que incrementará case un 50% os recursos destinados aos mozos que nin estudan nin traballan. E, en segundo lugar, anunciou que ao longo deste mes detallarase, no seo do Diálogo Social, un Plan de Emprego para os parados maiores de 45 anos, que é outro dos colectivos con máis dificultades de reinserción laboral. Sobre este segundo plan, Feijóo precisou unha actuación nunha dobre dirección: tanto con incentivos á contratación como ao autoemprego deste colectivo que supón case a metade (44,5%) dos desempregados en Galicia.

Feijóo salientou o traballo da Xunta na xeración de incentivos para o emprego, tanto para os traballadores por conta allea como para os emprendedores. E, neste eido, lembrou que Galicia foi a única Comunidade que ampliou as axudas para a contratación ao segundo e terceiro traballador autónomo; e referiuse ao impulso de programas específicos para os colectivos que teñen maiores obstáculos á hora de acceder a un emprego, entre os que destacou a Estratexia de apoio aos mozos, con máis de 100 millóns de investimento, e co obxectivo de continuar a senda descendente do paro entre mozos menores de 30 anos. De feito, no que vai de ano o desemprego xuvenil reduciuse un 18,2%, é dicir, de 43.446 a 35.551 persoas.

Plan de diversificación industrial

O presidente da Xunta anunciou a posta en marcha do Plan de diversificación industrial, para o que demandou o apoio da Cámara para sacalo adiante. Feijóo explicou que se trata dun proxecto de renovación industrial que se presentará nas próximas semanas co obxectivo de adaptar o presente e o futuro da industria galega -e coas mellores condicións- á nova realidade económica.

“Trátase dun labor que nos convoca a todos e se expresa nunha dobre dirección: avaliando de forma completa o verdadeiro pulo dos nosos sectores estratéxicos máis asentados, orientándoos á innovación e á internacionalización e consolidando a apertura a outros sectores que poidan ter un papel relevante no futuro”, esgrimiu.

O mandatario galego remarcou que a actualización industrial non pode estar limitada nin ás nosas características históricas nin ás circunstancias actuais, porque o seu obxectivo é que tamén sexa útil para a economía do futuro: para lograr aumentar o peso da industria no PIB de Galicia desde o 13% actual ata o 20%; e para lograr 50.000 novos empregos industriais, o que supón un incremento do 26%. Avogou, así, por fortalecer sectores nos que temos unha experiencia acumulada durante décadas, pero tamén por abrirse a outros novos, “como xa fixemos cando apostamos polas tecnoloxías da información e da comunicación ou cando apostamos pola biotecnoloxía”.

Ante este obxectivo, o presidente da Xunta referiuse ao sector aeronáutico, no que Galicia aspira a ter un papel relevante no futuro, avanzando que neste mesmo mes se materializará a colaboración cos Ministerios de Economía e de Defensa para iniciar a recuperación do aeródromo de Lugo, cun investimento de 10 millóns de euros, e co obxectivo de que funcione como centro de investigación do potencial de avións non tripulados para uso civil e para impulsar a súa utilidade en ámbitos como a detección de incendios, a vixilancia da contaminación ou a xestión eficiente do territorio. “E ademais, apostaremos pola formación especializada para traballadores da metalurxia, co obxectivo de capacitalos para realizar traballos no sector aeronáutico”, engadiu.

Coa finalidade de acadar unha industria que achegue valor engadido aos sectores tradicionais e que, á vez, potencie as novas actividades, Feijóo explicou que o Plan de diversificación industrial orientará os recursos públicos cara a tres eixes de actuación: a diversificación dos sectores máis relevantes da nosa economía; a xeración de cadeas de valor completas en Galicia; e o desenvolvemento daquelas actividades provedoras de tecnoloxías á industria, como pode ser a nanotecnoloxía, a biotecnoloxía, as TIC ou a fabricación avanzada.

“Unha expansión cara a novas oportunidades que debe estar acompañada de novas facilidades para que sexan posibles”, aseverou a modo de resumo, logo de recordar a posta en marcha de diferentes liñas de apoio ás empresas, así como a recente Lei do emprendedor.

“Eliminamos, con carácter xeral, a necesidade da licenza municipal para abrir un negocio; a Unidade Galicia Emprende xa apoiou 500 novos emprendedores en 9 meses; e temos á súa disposición un paquete de incentivos fiscais que afectan tanto o IRPF como o Imposto de Sucesións e Doazóns ou de Actos Xurídicos Documentados”, dixo, anunciando, para o vindeiro ano, a ampliación da dedución por creación de novas empresas ou por ampliación de empresas de recente creación ás sociedades cooperativas e laborais.

Ante a posibilidade de investimento e emprego en Galicia -como proban feitos como a confianza de Pemex nas capacidades do sector naval galego, que Citroën conte con Vigo entre os seus principais candidatos para a fabricación dos novos modelos da marca, ou o novo investimento confirmado pola empresa EVERIS-, Feijóo asegurou que “fronte a eslogans como ‘nós sós’, que non representan a maioría da nosa xente, os feitos acreditan que os galegos sentímonos cómodos nunha ‘Galicia ben acompañada’, afirmou.

Neste mesmo sentido, e dentro da Estratexia de Internacionalización, o responsable autonómico adiantou que, a próxima semana, o Goberno galego reunirase coas principais empresas exportadoras -así como coas entidades financeiras-, e “constituiremos o Foro de Internacionalización, para sumar a esta tarefa a aqueles que o levan facendo desde hai tempo e con máis intensidade e éxito”.

Lembrou, así mesmo, que Galicia acadou en 2013 un récord histórico de exportacións (por enriba dos 18.000 millóns) e a mellor balanza comercial dos últimos anos (con 4.039 millóns), unha liña ascendente, dixo, que está a ter continuidade este 2014. Precisou, ademais, que esta nova folla de ruta que supón a Estratexia de Internacionalización prevé, para os vindeiros seis anos, incrementar as exportacións en máis dun 25%, ata superar os 23.000 millóns de euros; acadar un crecemento do 25% no número de empresas exportadoras, chegando ás 8.000; e aumentar a participación das exportacións no PIB ata o 40%.

Apoio aos sectores produtivos

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta garantiu, tamén, o apoio “con determinación” do Executivo galego aos sectores produtivos. “Así o fixemos co sector lácteo, ao que defendemos na negociación da nova Política Agraria Común -conseguindo aumentar os pagamentos acoplados nun 63%-, tentando mellorar a rendibilidade das explotacións coa Lei de mobilidade de terras ou coa Lei de estrutura agraria, así como co desenvolvemento dunha normativa máis acaída aos seus intereses fronte á industria e á distribución, grazas a que hoxe os produtores galegos cobran un 27% máis polo leite que en xullo de 2012, pasando de 28,4 céntimos por litro a 33,7”, subliñou. A isto engadiu o compromiso de seguir acompañando os gandeiros no proceso de modernización das súas explotacións, que no último lustro permitiu incrementar a produción de leite en Galicia case un 9%.

Feijóo estableceu, ademais, como obxectivo prioritario aumentar o rendemento no eido forestal, consciente de que este camiño é imprescindible para combater o abandono do monte. Nesta materia, destacou a contribución da Xunta a través da primeira Lei de montes, ou abrindo novos horizontes como os que ofrece a Estratexia de Biomasa. Así como o logro dunha maior implicación da sociedade cun maior aproveitamento da nosa riqueza forestal; cun incremento do 29% da venda de madeira en 2013, que beneficiou a unha de cada dez familias galegas; e cunha maior protección do noso monte.

Sobre este último aspecto, Feijóo quixo agradecer aos cidadáns, así como ás brigadas antiincendios o seu labor conxunto, porque ten permitido, aseverou, que no período 2009-2013 os lumes se teñan reducido un 30% respecto a 2005-2008, e que hoxe se poida dicir que, no que vai de ano, “entre todos logramos o mellor resultado dos últimos 24 anos”.

No tocante ao mar, Feijóo incidiu na defensa dos intereses do sector galego ante Europa para lograr que a nova Política Común incluíse moitas das consideracións galegas e blindase uns recursos semellantes ao período anterior. “O certo é que temos logrado un incremento dun 13% nas cotas de captura en xeral, e tamén de xeito concreto, en especies de alto interese para Galicia: como o rape (67% máis), a pescada (52% máis) ou a xarda (77% máis)”. Ao respecto, anunciou que a primeira reunión que lle solicitará ao novo Executivo comunitario será precisamente co comisario de Pesca.

Así mesmo, adiantou a intención de promover a revisión do plan de actuación dos Grupos de Acción Costeira co propósito de seguir afondando na diversificación produtiva do litoral.

O presidente da Xunta avogou, tamén, por reforzar o labor marisqueiro coa aprobación dun novo Plan de mellora da xestión marisqueira, para actualizar e axilizar a explotación destes recursos; e abrindo, antes de fin de ano, o proceso de información pública da nova Lei de acuicultura, “aproveitando o amparo que nos ofrece Europa”. A mellora no procedemento de cobertura das vacantes permitiu que os permisos de marisqueo a pé subiran un 90% nos últimos anos, ao tempo que prosegue a loita contra o furtivismo, cun aumento dos decomisos dun 227% entre 2012 e 2013.

O presidente da Xunta garantiu tamén o compromiso do Executivo autonómico co naval galego, colaborando na busca de contratos; facilitando o financiamento dos estaleiros como xa se fixo nos últimos anos, cun importe de 100 millóns de euros; e, sobre todo, afondando na innovación dos estaleiros, con novos proxectos en colaboración co sector, para aumentar a súa capacidade tecnolóxica e potenciando o CIS Galicia en Ferrol.

“Por primeira vez despois de oito anos, os estaleiros públicos de Ferrol volven ter pedidos e, aínda que non sexa suficiente, do baleiro absoluto teñen pasado á carga de traballo. Igualmente, todos os estaleiros privados están negociando ou xa teñen materializado novos contratos. É un camiño esperanzador, que se concreta en máis de 1.000 millóns de euros pero que aínda temos que seguir percorrendo. E nel, seguirá a Xunta de Galicia como ata agora”, aseverou.

Xunto co naval, Feijóo resaltou o sector da automoción como outro dos puntais da Galicia industrial. “O seu futuro tamén aparece agora algo máis despexado, como demostra o feito de que o pasado ano incrementase a facturación nun 27%” dixo, o que considerou como datos positivos. “A recompensa das axudas que temos investido e que mobilizaron máis de 325 millóns”, concretou. “É o mellor acicate para continuar ese apoio no futuro, especialmente ante as posibilidades que se poderían abrir na factoría de Citroën en Vigo”, aseverou.

Calidade, talento e innovación

Así mesmo, na súa intervención, o presidente da Xunta avogou por seguir impulsando tres grandes baluartes con que conta Galicia: a calidade, o talento e a innovación.

Logo de salientar que pese á crise dos últimos anos, un de cada tres euros dos orzamentos produtivos de 2014 van destinados á innovación, un dato inédito na historia da Xunta, Feijóo aseverou que a aposta non debe ficar nas institucións, senón que se debe estender ao conxunto da sociedade. E, neste senso anunciou que os orzamentos do próximo ano incluirán unha dedución do 25% das cantidades que se doen a centros de investigación de universidades, así como aos promovidos ou participados pola Xunta, co límite máximo do 10% da cota íntegra autonómica.

“Somos conscientes de que a colaboración entre o eido público e as empresas é imprescindible para avanzar na innovación nos sectores estratéxicos. Tamén se está dando e vaise dar con forza nos próximos anos. Así, se hai unhas semanas acordamos desenvolver en Vigo –en colaboración con PSA Peugeot Citroën- unha unidade de investigación no eido da condución autónoma, hoxe podo anunciarlles que haberá máis”, dixo.

Así, anunciou que hoxe mesmo se resolve a decisión pola que se constituirán outras sete unidades mixtas de investigación, de xeito que Galicia acollerá un investimento de máis de 20 millóns de euros, que lle permitirá ser sede de polos tecnolóxicos de referencia en sectores estratéxicos para a nosa economía como o farmacéutico, a automoción, a enerxía, a saúde ou a alimentación.

No eido da calidade, e dentro da estratexia de reforzamento da marca Galicia Calidade, avanzou a convocatoria dunha reunión, neste mesmo mes, coas entidades interesadas para actuar, tanto no aspecto da promoción como no da certificación, estendendo as posibilidades de integrarse no selo aos produtos agroalimentarios e do mar ou ás empresas do sector servizos. E destacou a próxima posta en marcha dun Plan de mercados excelentes, que reforce o permanente apoio que se ten dado ao comercio, tanto para facilitar o relevo xeracional como a mellora dos seus sistemas de venda.

No tocante ao talento, o presidente da Xunta expresou o compromiso de seguir afondando na Formación Profesional, un campo no que a Comunidade conta hoxe con case un 55% máis de prazas desde 2009, con ata un cento de ciclos de nova creación; ou con máis prácticas, grazas á introdución da modalidade da FP dual. Así mesmo, apostou por incentivar a aprendizaxe de idiomas, subliñou que Galicia é a Comunidade con máis alumnos da ESO aprendendo linguas e anunciou a intención de dar un paso máis e estender de xeito progresivo o estudo dunha terceira lingua ao ensino postobrigatorio, comezando o próximo curso pola introdución do Bacharelato Plurilingüe nos primeiros institutos.

En canto ás universidades, Feijóo adiantou que o próximo Plan de financiamento universitario reforzará o maior peso da parte variable do modelo. “Pese á crise, aseguramos a estabilidade orzamentaria a través do Plan de financiamento, apostando por un modelo orientado a resultados. E penso que ese é o vieiro que temos que seguir”, dixo, para subliñar a importancia de ampliar a sintonía da universidade coas necesidades da sociedade de cada tempo.

Para acadar este segundo obxectivo, o mandatario autonómico destacou a apertura, conxuntamente cos reitores, de dúas liñas de actuación: “por primeira vez, poñeremos á súa disposición unha liña de axudas para a internacionalización das universidades, que contribúa a mellorar a súa posición nos rankings nacional e internacional. E, igualmente, faremos un proceso de verificación e renovación das titulacións universitarias, para garantir que se adecúan aos obxectivos”, incidiu.

Uns servizos públicos con máis perspectiva de futuro

No transcurso da súa intervención, o mandatario galego subliñou o labor do Goberno autonómico por asegurar os servizos públicos, baixo a premisa de que “ser máis eficientes non é un fin en si mesmo, senón un medio, o único posible, para garantir a calidade do benestar hoxe, e tamén das vindeiras xeracións”.

Así, remarcou diversas medidas postas en marcha pola Xunta para contribuír a unha Administración máis eficiente, tanto desde o punto de vista económico -coa redución histórica da Administración desde 2009, a decisión de actuar en calquera capítulo de gasto corrente no que exista marxe de aforro, ou coa contratación centralizada-; como desde o punto de vista das servizos -coa entrada en funcionamento da sede electrónica (que xa é accesible para o 48% dos procedementos), coa dixitalización dos rexistros, ou desenvolvendo o Expediente electrónico xudicial, a historia clínica ou a receita electrónica-.

Neste contexto, anunciou que nesta lexislatura o Goberno galego porá en funcionamento o Arquivo Dixital Integrado de Galicia que será, dixo, “a pedra angular da Administración electrónica” e fará posible a eliminación progresiva do papel. Seguindo na liña de acadar unha Administración máis eficiente, resaltou, tamén, a loita contra a fraude fiscal que, segundo avanzou, este ano prevé aflorar fraude por un importe de 50 millóns de euros.

Feijóo recoñeceu que a eficiencia para acadar máis recursos para investir nos galegos e nas galegas “non tería sido posible sen a participación e a corresponsabilidade das propias galegas e galegos”. Isto, sumado ao traballo conxunto de todos os traballadores públicos é, dixo, o que nos permite afirmar que Galicia é hoxe un país “cuns servizos públicos con máis perspectivas de futuro que en bonanza económica; e que, en plena crise, non renunciamos a que estes puideran chegar a máis cidadáns e en mellores condicións”, apostilou.

Segundo resaltou, o Goberno galego segue “ao carón” das persoas en risco de exclusión social -cunha nova Lei de inclusión-, ou daquelas en risco de desafiuzamento -coa posta en marcha do Programa Reconduce. Tamén ao carón das familias que sofren máis apuros, poñendo á súa disposición un tícket eléctrico para reducir ata un 40% a súa factura da luz; ao carón dos mozos, para que a situación económica non condicione os seus estudos, aumentando un 47% as axudas para universitarios por causas imprevistas; ao carón das persoas que reciben pensións non contributivas, sendo unha das tres únicas Comunidades que mantén un complemento, e ademais coa contía máis alta; e ao carón dos emigrantes, para que poidan acceder á tarxeta sanitaria do Sergas de forma automática e en igualdade cos que residen en Galicia.

O mandatario galego subliñou a “firme aposta” que Galicia ten feito pola política social e, ao respecto, anunciou que este mesmo mes se aprobará o anteproxecto de Lei de calidade de servizos públicos para fixar neles criterios de calidade homoxéneos. “Debemos afrontar novas realidades e avanzar un paso máis na mellora do benestar dos nosos cidadáns, ofrecéndolles servizos adaptados aos novos tempos e que dean resposta aos novos retos”, manifestou.

Así, no tocante aos futuros desafíos no eido sanitario, adiantou que, no marco da Estratexia Galega de Atención Integral á Cronicidade, o vindeiro ano a Xunta abordará o proceso de estratificación poboacional por niveis de risco, para poder predicir as necesidades asistenciais da cidadanía. E, nesta liña, avanzou que se aprobará o Plan 72 horas, para dar continuidade asistencial a domicilio nos tres días posteriores á alta médica. Igualmente, adiantou que se completará o proxecto de innovación sanitaria que o Goberno galego ten posto en marcha a través dos programas Hospital 2050 e Innova Saúde.

De igual xeito, no relativo ao eido educativo, sinalou que a Xunta reforzará a Plataforma de Contidos Dixitais, que lle permitirá aos nenos acceder a materiais curriculares completos e gratuítos. Ao respecto, subliñou que xa está á disposición de alumnos de 5º de Primaria e que, antes de que remate a lexislatura, se ampliará a alumnos de 6º, así como de 1º e 2º da ESO, podendo chegar a 25.000 estudantes.

Tamén, neste campo, destacou que o Executivo autonómico continuará co Proxecto Abalar, que xa permite o uso das TIC no ensino galego a máis de 51.000 alumnos, e que consolidará a súa aposta pola introdución do inglés nas aulas, que xa chega a máis de 85.000 estudantes no presente curso. O reto, dixo , é acadar un sistema de educación pública máis accesible e competitivo, de aí medidas como o reforzo do ensino de matemáticas en Primaria con dúas horas máis, ou como dotar de autonomía os centros para a elección das horas de libre ocupación.

Sobre o futuro dos servizos sociais, Feijóo referiuse, ademais, ao eido do benestar que atende os maiores e as persoas dependentes. Neste contexto, manifestou que a Xunta seguirá ampliando o modelo de carteiras e, unha vez que xa está posta en marcha a Carteira de Servizos para a Dependencia, adiantou que para o último trimestre de 2014 está previsto o inicio da tramitación da Carteira para Persoas Maiores ou con Discapacidade que teñan autonomía. E, na liña de seguir atendendo o máximo número de dependentes posible, anunciou que a Xunta traballa coa previsión de incorporar máis de 2.000 novas altas no sistema de dependencia de aquí a final de ano.

A conciliación da vida familiar e laboral foi outro dos asuntos que o presidente abordou na súa intervención para resaltar que o Goberno galego ten incrementado en case un 70% a oferta de garderías, e avanzar que de aquí ao final de lexislatura crearanse máis de 2.000 prazas públicas en escolas infantís; é dicir, “en Galicia haberá o dobre de prazas públicas de gardería das que había en bonanza económica”.

E é que, segundo resaltou, a dinamización demográfica é outro dos grandes desafíos aos que se enfronta Galicia que require ser afrontado desde a responsabilidade compartida, dixo. Neste contexto, mencionou os avances dos últimos meses na reclamación dun Pacto de Estado pola demografía que teña reflexo no novo sistema de financiamento autonómico; ou logrando que o Goberno central inclúa o criterio poboacional nas distintas negociacións coa Unión Europea.

Dando cumprimento ao Plan de Dinamización Demográfica aprobado pola Xunta, salientou a creación dun Observatorio pioneiro a nivel estatal, que este mesmo mes de outubro constituirá o seu primeiro grupo de traballo con patronal e sindicatos. Tamén, a posta en marcha de medidas como a exención do pago da matrícula nas escolas infantís a partir do segundo fillo, efectiva xa desde este mesmo curso. Ou, o incremento nun 20% da dedución fiscal por nacemento ou adopción dun fillo neste 2014 para as rendas máis baixas, pasando de 300 a 360 euros.

Así pois, anunciou que os orzamentos do vindeiro 2015 incluirán un novo paquete de medidas de impulso á natalidade dirixido ás familias coas rendas baixas que aposten por ter máis dun fillo. Concretamente, destacou que para rendas inferiores a 22.000 euros se incrementará ata os cen euros ao mes, a dedución por nacemento ou adopción do segundo fillo (1.200 euros/ano durante tres anos); e ata os 200 euros ao mes, a partir do terceiro fillo (2.400 euros/ano durante tres anos), é dicir, a maior axuda á natalidade de todas as comunidades do Estado. Así mesmo, adiantou que tamén se incrementará o límite deducible por coidado de menores ás familias con dous ou máis fillos, pasando de 400 a 600 euros. E que para as familias de dous fillos ou máis se incrementará do 10 ao 20% a rebaixa fiscal en vigor para mozos por aluguer de vivenda, duplicando o límite deducible ata os 600 euros.

O benestar de hoxe

Feijóo destacou que a aposta da Xunta polos servizos públicos permite que Galicia hoxe conte “cunha xustiza mellor equipada”, grazas a un investimento de 47,6 millóns de euros en infraestruturas xudiciais desde 2009 e grazas a un proceso de modernización que continuará o vindeiro ano coa nova Oficina Xudicial, co impulso ao Plan de Expurgo ou coa entrada en funcionamento da sede electrónica xudicial.

Tamén, cunha educación máis accesible que ten permitido conxelar durante catro anos consecutivos as taxas universitarias para que teñan o prezo máis baixo de toda España; continuar coas axudas complementarias para estudantes Erasmus; ser a Autonomía con máis profesores por alumno; a Comunidade coa rede de transporte escolar gratuíto máis ampla de España; a que máis apoia ás familias con axudas para libros de texto, ao beneficiar a 7 de cada 10 alumnos; ou a que ten incrementado os beneficiarios de comedores escolares nun 22% desde 2009.

Sinalou, así mesmo, que é este un país “máis xusto e cohesionado” no eido dos servizos sociais, ao incrementar a atención á dependencia, ao impulsar a Lei de accesibilidade ou creando máis de 7.000 novas prazas públicas de servizos sociais, o que supón un incremento de arredor do 45% con respecto ao 2009.

E, de igual xeito, mencionou que Galicia está mellor preparada para afrontar as necesidades sanitarias da súa poboación, porque, segundo dixo, ten avanzado na redución das listas de espera grazas a medidas como as vías rápidas para as patoloxías oncolóxicas; porque está en marcha o proceso de modernización de toda a tecnoloxía dos hospitais que suporá un investimento de 88 millóns de euros en oito anos; grazas, tamén, á Lei de garantías de prestacións sanitarias; e, sobre todo, grazas a ter dado o impulso que se precisaba ás infraestruturas sanitarias.

“Hoxe tres de cada dez galegas e galegos contan na súa área de influencia cun hospital público ou centro de saúde novo ou renovado. O vindeiro ano 2015, cinco de cada dez galegos e galegas terá ao seu carón un hospital público ou centro de saúde novo ou renovado. E, en 2016, sete de cada dez galegas e galegos poderán acudir a un hospital público ou centro de saúde novo ou renovado”, aseverou.

Unha Galicia ben ordenada, ben comunicada e ben abastecida

Ao longo do seu discurso, o presidente da Xunta referiuse ao reto que supón a vertebración do territorio galego para acadar unha Galicia ben ordenada, ben comunicada e ben abastecida. Neste sentido, mencionou que “temos encamiñada” unhas das principais tarefas que tiñamos pendentes como país. Así, destacou que está aprobado o Plan do Litoral, as Directrices de Ordenación do Territorio, o Plan Director da Rede Natura, que este ano entrou en vigor, e que está en marcha a folla de ruta que permitirá a Galicia ser a primeira Comunidade en contar cunhas Directrices da Paisaxe.

Neste contexto, anunciou que, para afondar en decisións respectuosas co patrimonio ambiental, o canon mineiro estará vigor desde xaneiro de 2015. E tamén adiantou que esta mesma semana a Xunta porá a exposición pública o anteproxecto “dunha Lei do solo estable e que perdure no tempo” e que incluirá novos mecanismos para erradicar as edificacións inacabadas.

O obxectivo, dixo, é “asegurar a protección da paisaxe” e que todos os municipios de Galicia conten cun planeamento axeitado ás súas necesidades. Para axilizar este procedemento, avanzou que na elaboración dos PXOM se introducirá un informe único, que reducirá á metade o tempo medio de redacción dos plans, dos seis anos actuais a tres anos.

O mandatario autonómico remarcou a necesidade de revitalizar o rural galego e, así, avanzou que entre este ano e 2016 a Xunta prevé incrementar as Vías de Altas Prestacións en máis de 60 quilómetros co remate, entre outras, de catro proxectos: a terceira Rolda da Coruña, a Vía de Alta Capacidade Sarria-Monforte, o treito Celeiro-San Cibrao da Vía da Costa Norte, e o tramo Carballo-Baio da Autovía da Costa da Morte.

Tamén asegurou que se iniciarán proxectos tan importantes como a continuación da Vía Ártabra desde a N-VI ata a AP-9, a conexión da Autovía das Rías Baixas co polígono de San Cibrao das Viñas, ou a conversión en autovía do Corredor do Morrazo, que será licitada e contratada no vindeiro ano 2015.

E lembrou que a estratexia de mobilidade da Xunta ten permitido ata o de agora que case o 80% dos galegos estea a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións, grazas aos 144 quilómetros construídos pola Xunta desde 2009, en plena crise económica.

Feijóo destacou, ademais, o impulso ao transporte metropolitano que ten dado o Executivo autonómico e avanzou a previsión de pechar proximamente o plan nas áreas de Vigo, Ourense e Pontevedra. Neste sentido, anunciou que a Xunta está a traballar na sinatura dun protocolo co Ministerio de Fomento para reforzar a intermodalidade a través do uso de billetes combinados de autobús, tren e avión, e a coordinación de horarios para poder ofrecer o mellor servizo aos cidadáns.

Na súa intervención, o presidente da Xunta puxo de relevo que Galicia leva tres anos sendo unha das comunidades que recibe un maior investimento do Goberno central, ata conseguir un peso do 12,3% nos orzamentos de 2015, recentemente presentados. Isto, dixo, permitirá finalizar a conexión atlántica por alta velocidade entre Vigo e A Coruña o vindeiro ano; retomar as obras do AVE Ourense-Lugo; e continuar avanzando “sen marcha atrás” cara a un AVE que conecte Galicia coa Meseta e nos aproxime a Europa no prazo comprometido de 2018.

Son infraestruturas, subliñou, que contribuirán a presentarnos como unha base loxística de referencia en Europa, ao igual que medidas como o Plan de ordenación das áreas empresariais, ou a aposta da Xunta por dotar de maior competitividade os portos galegos e pola mellora da xestión dos nosos aeroportos.

Do mesmo xeito, e na liña de mellorar as comunicacións na Comunidade, adiantou que no marco da nova Estratexia Dixital de Galicia Horizonte 2020, o vindeiro ano a Xunta aprobará a posta en marcha do II Plan de banda larga para o despregamento de redes ultrarrápidas de 30 a 100 megas, segundo os obxectivos da Unión Europea, e o Plan de inclusión dixital de Galicia, para incrementar o acceso e o uso das TIC. Ao respecto, destacou que, grazas á implantación deste plan, actualmente o 94% dos galegos contan con acceso á banda larga.

Feijóo remarcou que a Xunta traballa por atraer a ollada do mundo cara a nosa terra e por consolidar Galicia como centro, para o que é necesario, dixo, apostar tamén decididamente polo turismo, con medidas como o Plan estratéxico do Turismo, a potenciación do termalismo ou, no eido do Camiño de Santiago, coa apertura dun Centro de Acollida ao Peregrino.

No que atinxe ao ámbito hidráulico Feijóo resaltou “que Galicia camiña cara ao futuro con maior seguridade” en materia de saneamento e abastecemento, grazas a un Plan que xa permitiu un investimento de case 400 millóns de euros en preto de 180 actuacións nos últimos anos. Un plan que, adiantou, se ampliará con importantes avances como a posta en marcha do sistema de saneamento da ría de Ferrol, que en 2015 estará en pleno funcionamento, tras máis de 213 millóns de euros investidos; a finalización da depuradora da ría de Vigo que, con 230 millóns, é o investimento máis importante da historia da Comunidade nunha única infraestrutura hidráulica; ou con instalacións como as EDAR do Grove, Corrubedo, Malpica, Negreira ou Gandarío. Así mesmo, en colaboración coa Administración Xeral do Estado, comezarase as obras da depuradora de Ribeira e remataranse as de Ourense e a provisional de Santiago.

De igual xeito, e no marco do Pacto Local da Auga, Feijóo anunciou que se impulsará a elaboración dun código de boas prácticas no ciclo integral da auga, que mellore a súa eficiencia e estableza unha estrutura tarifaria homoxénea.

Paralelamente, e ligado tamén á calidade de vida dos galegos, o xefe do Executivo autonómico salientou que un obxectivo prioritario da Xunta seguirá a ser o de reducir a dependencia e os custos enerxéticos. Así, lembrou que o Instituto Galego de Consumo se puxo á disposición dos cidadáns para optimizar ao máximo a factura da luz; que se teñen asinado diversos convenios coas industrias para lograr unha maior eficiencia enerxética; ou que se están a impulsar medidas para elevar a competencia no sector do combustible e reducir o custo do gasóleo, unha materia na que dixo, “esperamos que pronto haxa boas noticias”. Adiantou, ademais, que o Consello Galego da Competencia presentará o próximo ano un informe sobre o mercado eléctrico en Galicia.

“Pero somos conscientes de que o camiño máis útil pasa por aproveitar todas as nosas posibilidades nas enerxías, especialmente nas renovables”, engadiu, sinalando que se mantén a aposta pola eólica, cumprindo o compromiso de dotar de seguridade xurídica o sector e incluír unha serie de incentivos fiscais para que esta enerxía se poida seguir desenvolvendo en Galicia; que se reforzou o subministro do gas, que se vai seguir continuando para incrementar a cobertura dos concellos nun 36% e que o 80% da poboación teña acceso a esta fonte de enerxía, duplicando o número de parques industriais con subministración; e que se iniciou o Plan da Biomasa en Galicia, cunha previsión de investimentos ata 2020 de 450 millóns, unha iniciativa que está a ter unha grande acollida entre a cidadanía.

Así mesmo, Feijóo apuntou que a Xunta seguirá apostando por novas enerxías por desenvolver, cun plan da Xeotermia, que simplificará a posta en marcha das instalacións que aproveiten esta enerxía. E sobre todo, apostilou, “seguiremos preto de quen máis precisa unha política enerxética clara, que son os cidadáns”: cun Plan de axudas á mellora da habitabilidade nos fogares galegos; e cunha rebaixa fiscal ás familias que invistan en instalacións de calefacción ou auga quente que empreguen enerxías renovables, en vivenda habitual e destinadas exclusivamente ao autoconsumo, cunha dedución do 5% das cantidades satisfeitas no exercicio.

Impulso democrático que faga aos galegos partícipes do “proxecto común”
Na súa intervención, o presidente da Xunta avogou por aproveitar o Debate sobre o Estado da Autonomía para “revitalizar a democracia” e traballar na procura “dun pulo democrático” en “todas as direccións”, tanto no Goberno, como no Parlamento ou nos partidos políticos co fin, dixo, de facer “a todos os galegos partícipes do proxecto común que estamos a debater aquí” porque isto, aseverou, “debe ser tarefa de todos”.

Así, segundo avanzou, no eido do Executivo autonómico este impulso pasa pola mellora da transparencia dos procedementos negociados, que lle permita ás empresas coñecer os proxectos das súas competidoras e, así, potenciar o axuste entre as súas respectivas ofertas; por limitar a capacidade de actuación dos gobernos en funcións, coa prohibición expresa de aprobar novos proxectos de leis, autorizar convenios ou adquirir compromisos de gasto de gran volume; por regular os procesos de traspaso de poderes, que obrigue a todos os departamentos a elaborar un informe de transición que dea conta da súa situación e dos compromisos financeiros asumidos; ou por unha nova obriga de inhibición dos altos cargos para asuntos que afecten a intereses de empresas nas que eles ou os seus familiares formaran parte dos órganos de decisión nos dous anos previos ao nomeamento.

“Un impulso democrático que pase tamén por este Parlamento”, agregou, coa creación dun novo mecanismo de participación que habilite os cidadáns para presentar proposicións non de lei, abondando nos avances acordados no eido das iniciativas lexislativas populares; completando o proceso de renovación das institucións estatutarias que aínda están pendentes neste mes de outubro; atribuíndo ao Consello de Contas facultades de prevención da corrupción política, na liña das propostas escoitadas na comisión creada sobre este asunto; ou aproveitando o debate aberto no Congreso para facilitar unha maior participación dos emigrantes nas eleccións. “En suma, e ademais da proposta sobre o número de deputados que conformamos esta Cámara, o que lles propoño hoxe é avanzar sobre todo na calidade, reforzando as vías de coñecemento e participación dos cidadáns”, argumentou o presidente galego.

Con respecto ao pulo democrático nos partidos políticos, Feijóo indicou que este debe chegar restrinxindo os fondos dos partidos ao que en cada momento se acorde nos orzamentos públicos e aprobados e á cota dos seus afiliados. E xunto a isto, propuxo a diminución no gasto das campañas electorais: reducíndoas a 7 días, limitando os espazos habilitados para a propaganda e aumentando e fomentando o contraste de ideas e o debate, tamén nos medios de comunicación.

“O compromiso deste Goberno é claro e pasa por un impulso democrático que continúe con este labor e traia ao Parlamento o que xa é unha realidade na rúa: a democracia avanza cos cidadáns e nós temos que avanzar con eles”, asegurou, salientando que estas medidas se poden poñer en práctica “pola vía do pacto” e advertindo que “as galegas e os galegos non entenderían que rexeitaramos percorrer con eles o camiño que o país ten emprendido neste novo tempo”.

Unha España “coral”

O mandatario galego tamén se referiu a Cataluña, sinalando que os que falan “dun Estado centralista, un país en branco e negro que nega a diversidade”, “non se dan conta –dixo-, de que eles mesmos aínda forman parte desa fotografía, mentres que os demais hai moitos anos que decidimos darlle cor”. “Opoñer unha España que xa non existe a unha Cataluña que nunca existiu é unha falacia, mais tamén unha grande irresponsabilidade dos que, coma min e como todos vostedes, forman parte daquilo que, por outra banda queren destruír”.

A este respecto Feijóo lembrou que a Constitución e o Estado das Autonomías alumaron unha realidade na que Galicia e o resto das comunidades, “xa non forman parte desa vella España solista, senón dunha nova España coral: non están no Estado, son o Estado”. Por iso, engadiu, “calquera desafío ao sistema autonómico é unha renuncia á pluralidade que supostamente afirman defender. Pero tamén supón unha afronta para o autogoberno galego”, apostilou. “Unha aldraxe que como representantes que somos de todos e cada un dos cidadáns deste país non podemos aceptar”, afirmou.

“O silencio, señorías, non é unha opción. Temos a obriga de defender o modelo que os galegos elixiron, o modelo que nos permite ser o que queremos ser”, aseverou. “Ímolo facer”, pero do xeito “como se deben facer as cousas en democracia: empregando as ferramentas que nos facilita o noso marco de convivencia”.

Evolucionar na arquitectura institucional

Así, fronte “ás aventuras frustrantes que iniciaron algúns”, Feijóo apostou por continuar a senda marcada polo pobo galego hai máis de tres décadas: “a dunha utopía realizable chamada Autonomía”.

Neste sentido, o presidente da Xunta apelou ao “traballo conxunto como vía para resolver as posibles eivas que ten podido desenvolver o modelo autonómico ao longo destes anos”. Lembrou que a Constitución ofrece marxe “dabondo” para satisfacer as demandas “razoables”, polo que, dixo, “estamos abertos a explorar novas vías para seguir evolucionando na nosa arquitectura institucional”.

“Mais o diálogo carece de sentido se non parte do cumprimento da Lei e non está orientado ao acordo”, argumentou, por iso, incidiu, “falar, debater é unha vía para conseguir o xusto, pero nunca pode ser o pretexto para claudicar ante o inxusto. De nada serven as propostas pensadas para una parte en concreto, se as demais estamos obrigadas a asumir as súas consecuencias sen poder participar nas decisións que as motivaron”, engadiu.

Así, ante a ausencia dun Senado que actúe como Cámara de representación territorial, avogou pola potenciación da Conferencia de Presidentes para que as diferentes comunidades poidan expoñer nese marco multilateral os puntos de vista sobre o modelo de convivencia.

“Desde os albores da Autonomía este país ten demostrado que o seu futuro pasa pola lealdade ao proxecto común, sen renunciar, en ningún caso, á singularidade que nos caracteriza nin á defensa dos intereses dos nosos cidadáns”, abundou.

Así, e a pesar da “desconsideración” que nalgúns momentos o Goberno de España tivo con Galicia, Feijóo destacou que os galegos “nin concibimos nin concibiremos o autogoberno como unha arma para combater o Estado, senón como unha ponte que nos permite ser parte del en igualdade de condicións cos demais cidadáns que o conforman”.

Galicia, con competencias e autogoberno

Na súa intervención, o titular do Goberno galego referiuse a que “foi agora” cando máis en cuestión estivo o Estado das Autonomías, pero non só polas “proclamas de división ou independencia que se poidan transmitir desde a visión interesada dalgunha ideoloxía” senón tamén, dixo, “porque, ante a dificultade que nos puxo diante a crise, non todas as Comunidades foron quen de demostrar ser autónomas”.

A este respecto, puxo en valor que Galicia sexa unha das poucas autonomías que pode dicir que durante esta crise “soubo exercer todas as súas competencias” e non tivo que renunciar “nin total nin parcialmente ao seu autogoberno por incapacidade para exercelo”. Lembrou que nestes cinco anos, a Comunidade mantivo a estabilidade das contas, controlando o déficit ano a ano, e incluso antes de ser obrigados por ultimato das autoridades comunitarias; aportou solvencia ao Estado, tamén cando isto non se pedía nin se consideraba desde o Goberno de España; e cumpriu os compromisos financeiros porque, subliñou, “a Autonomía permítenos adquirilos pero tamén nos obriga a cumprilos”, e así Galicia leva sendo unha das comunidades que fai fronte aos pagos aos provedores en mellores condicións e en menor prazo. “E dos 84.000 millóns de euros que habilitou o Goberno para responder “á chamada de auxilio das comunidades, Galicia pediu e recibiu cero”, remarcou Feijóo.

“No contexto de maior debilidade, o autogoberno do que nos dota o modelo autonómico persiste en todo vigor porque soubemos entender a dimensión da responsabilidade que supón”, insistiu. “Exercemos o noso autogoberno buscando mellorar a vida das galegas e dos galegos, cunha xestión que permita asegurar os seus servizos públicos de hoxe e do mañá, que é a primeira obriga competencial das comunidades; e cunha xestión que incremente as súas oportunidades de hoxe e do mañá, poñendo en valor o que temos e o que somos como comunidade: a nosa terra, o que producimos e a nosa propia xente”, agregou.

Cooperación necesaria

“A Xunta ten a obriga de liderar as grandes transformacións que fan progresar esta terra, pero en ningún caso é plenipotenciaria, precisa que os galegos a acompañen e, con eles, o conxunto que forman parte deste país”. Por iso, no camiño da recuperación económica que se inicia apostou por seguir unha senda “prioritaria”: a da cooperación entre todas as administracións de cara a evitar duplicades, aforrar custos e ser máis eficientes. Unha cooperación que, dixo, debe comezar no ámbito local. Neste sentido, comprometeuse a seguir promovendo que os municipios de Galicia actúen de forma conxunta para mellorar os seus servizos públicos, algo para o que se continuará primando as solicitudes compartidas entre varios concellos á hora de asignar as subvencións e axudas ás entidades locais. “Non cabe dúbida de que a cooperación municipal é unha das nosas prioridades e queremos darlle continuidade nos próximos anos, sabedores de que pode ser un primeiro paso cara a unha fusión voluntaria de concellos”, agregou.

Exemplaridade na Cámara e defensa do interese xeral

O presidente galego tamén aludiu na súa intervención á necesidade de non “persistir no enfrontamento constante” na Cámara galega: “respectarnos entre nós é o primeiro deber que temos para que os galegos nos respecten”; ao tempo que destacou que os cidadáns demandan dos seus representantes políticos “exemplaridade”:“a exemplaridade dos nosos comportamentos non é só unha obriga como representantes, senón que constitúe todo un acto de xustiza cos nosos representados”, declarou.

“Estou seguro de que ningún de nós vai descansar ata que todos os galegos se vexan representados aquí, neste Parlamento que nos acolle, pois esa é unha función que nos reserva a democracia”, afirmou. Explicou que non se trata de que todos concorden no que se fai: “a discrepancia é sa na medida en que serve para expresar a pluralidade da sociedade, pero non debería estar por enriba do interese xeral”, remarcou. Por iso instou a “resolver as eivas da política, con máis e mellor política”.

“Penso nas mulleres –tantas- que sofren a violencia de xénero e creo que ese sufrimento non debería nunca ser cuestión de confrontación política, senón sempre de traballo conxunto para erradicalo. Penso tamén en que Galicia é o único territorio español onde está activo o terrorismo e que, por minoría que sexan, non merecen nin a condescendencia nin a ambigüidade; senón a condena inmediata e unánime de todos os que estamos aquí pola causa contraria á que actúan: a democracia”, explicou. Por iso, sinalou “vólvolles reiterar a miña vontade para sumarnos na mellora da política e, con ela, á da vida de todas as galegas e os galegos”.

Por último, o presidente da Xunta incidiu en que o pobo galego “é capaz de conseguir todo o que se propón” e que a súa convición “é a determinación deste Goberno”. “Non estamos ante unha época de cambios, senón ante un cambio de época e sabemos como queremos chegar a ela: cunha nova política que xorde dun compromiso renovado coa democracia; cuns servizos públicos seguros económica e socialmente, que respondan a novas necesidades; cuns sectores e unha industria renovados e adaptados ao tempo que vén; cun país posto en valor, no que é, no que ten e no que fai, cara a dentro e cara a fóra”. “Galicia está preparada, Galicia avanza estable e xuntos as galegas e os galegos conseguirémolo”, concluíu.

7 de outubro de 2014 | 14:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.