O BNG denuncia a continua degradación de Galicia co traslado a Cádiz de parte do flotel de Ferrol
O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, denunciou o “ninguneo” e a “continua degradación de Galicia” por parte do Estado, despois de que se vaia construír en Porto Real (Cádiz) parte do flotel que Navantia negociou con Pemex e que naceu do acordo estratéxico a sinatura do cal foi presidida en Galicia polo xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo.
Deste xeito, e en rolda de prensa, o líder nacionalista esixiu ao mandatario galego que “deixe de ser o ariete” do Goberno central e se “centre” en defender “os intereses dos galegos”, dende esixir “un novo modelo de financiamento”, a pedir explicacións polo caso de Navantia.
Para Vence, Feijóo debería abandeirar a defensa dos intereses de Galicia, “con uñas e dentes”, e “impedir o ninguneo do país”, non só co naval, senón tamén coa repartición das axudas da Política Agraria Común (PAC), a cota do cerco e o trato coa AP-9.
“Non pode mirar para outro lado”, advertiu Xavier Vence, quen esixiu que “pelexar” en contra de que se “siga ninguneando” a Ferrol e “estrangulando” o naval galego, xa que a construción do flotel é unha “carga de traballo moi importante” para unha factoría “practicamente parada” neste momento.
“OBEDIENCIA” DE FEIJÓO
Vence lamentou que Feijóo “acepte que Madrid marque o ritmo das cousas e tome as decisións”, en lugar de cumprir coa lei de fomento do sector naval -aprobada en 2010-, que lle permite nomear un representante no consello de Navantia; e esixiulle unha “defensa pechada” dos intereses galegos.
De feito, advertiu de que “non se pode tolerar que a carga de traballo conseguida para Ferrol acabe desviándose cara a outros estaleiros doutros territorios”, polo que asegurou que se Feijóo liderase unha defensa, “todos os galegos estarían detrás” fronte ao “desacougo e o ninguneo”.
O voceiro nacional do Bloque sinalou que “de pouco vale que se levante o veto en xaneiro de 2015 se despois “non se busca carga de traballo”. “Queremos saber que se está a facer para iso”, esixiu, tras explicar que o BNG ten rexistradas iniciativas para coñecer as xestións e “o novo atropelo” a Galicia.
Vence concluíu que a “estratexia de submisión e obediencia non reporta réditos” para Galicia”, senón “todo o contrario: unha continua perda de capacidade produtiva, de recursos, e unha continua degradación das competencias e nivel de autogoberno”.











