O alcalde da Laracha e Belén do Campo analizan as melloras previstas na rede de camiños rurais do municipio

Reunión de Belén do Campo co alcalde da Laracha
A delegada territorial da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde da Laracha, José Manuel López, co que analizou os proxectos que o Goberno galego está a desenvolver no municipio. Neste senso, Do Campo e López avaliaron o resultado dos traballos de acondicionamento de varios camiños rurais levados a cabo a través do Plan plan marco de mellora de camiños promovidos pola Consellería do Medio Rural.
O concello da Laracha vén de recibir unha achega de máis de 91.000 euros, que se destinou ao arranxo dunha pista municipal asfaltada no núcleo de Soandres. Segundo salientou a máxima representante do Goberno galego na provincia, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”. “A finalidade fundamental destes fondos é, por tanto, a de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural”, apuntou.
Na mesma liña, o rexedor trasladoulle á delegada a súa disposición de continuar con este tipo de proxectos, polo que lle adiantou que na vindeira convocatoria do plan marco, o concello presentará un proxecto para completar a mellora da rede viaria municipal de Soandres e actuar tamén no núcleo de Montemaior.
A reunión de hoxe enmárcase na rolda de contactos que Do Campo realiza de forma periódica cos responsables locais dos 93 municipios da provincia para coñecer de primeira man a realidade de cada concello e atender de forma máis efectiva as súas demandas.











