publicidade hoxe

Muxía presenta uns marcapáxinas ilustrados con fragmentos de obras de pintores residentes na localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMuxía
A-
A+

A acción enmárcase dentro do programa de dinamización lingüística “CON X DE MUXÍA”. Este é un programa global de actuación, incidindo nos ámbitos sociais que entendemos máis sensíbeis a ter unha perda do uso habitual da lingua galega, como son as relación país –fillos, a mocidade e a hostelería. O programa consta de varias actividades que incidirán nos ámbitos escollidos. No desenvolvemento do programa están implicados colectivos e entidades locais, como son os centros educativos e os hosteleiros.

Este ano, ademais, contamos coa colaboración de artistas plásticos, facendo así que a comunidade artística que vive en Muxía se implique na promoción do emprego da nosa lingua. Tentamos con esto aproveitar as sinerxias do noso municipio para promover o emprego da lingua galega, por eso teremos en conta dous feitos como son que Muxía é un municipio onde vive un importante grupo de artistas de recoñecido prestixio e tamén o feito da grande incidencia do Camiño Xacobeo e a, cada día maior, chegada de peregrinos.

ACTIVIDADES a desenvolver dentro do programa:

“Eu leo en galego”

Como promoción da lectura en galego , para tódalas idades, editamos uns marcapáxinas para distribuirse na biblioteca municipal que levan o lema da actividade por un lado – animando á lectura en galego- e polo outro unha ilustración dun creador recoñecido, dos asentados no noso municipio. Con esto tamén ligamos a creación artística ao uso da nosa lingua, aproveitando o seu atractivo. Os marcapáxinas serán elementos atractivos para os nenos/as e mozos/as que se acheguen á biblioteca, tamén para as persoas adultas, e ademais unha marca distintiva da nosa biblioteca. A biblioteca entregará un marcapáxinas con cada préstamo ata que o usuario/a complete os nove marcapáxinas da colección. Os artistas que cederon desinteresadamente imaxe das súas obras para esta actividade son: Alexandro, Chérie Trillo, Detlef Kappeler, Fátima Fortea, Viki Rivadulla, Sar, Tachibana, Teresa Búa e Yano Yoro.

Esta acción tamén constitúe un recoñecemento ós e ás artistas que desenvolven o seu traballo no noso municipio.

“ O Camiño, en galego II” : Edición e distribución de manteis individuais para uso de hostelería

Dado que Muxía é un lugar emblemático no Camiño de Santiago ata a Costa da Morte, cada día chegan máis peregrinos de distintos lugares á nosa vila.

A actividade consiste na edición de manteis individuais, de papel, para repartir nos establecementos de hostelería. Nestes manteis aparece un mapa co percorrido do Camiño polo noso concello e entre Muxía- Fisterra cos nomes dos topónimosgalegos. Ao mesmo tempo, na marxe do mantel aparecen de forma moi gráfica unhas palabras en galego para desenvolverse na hostalería.

Preténdese crear conciencia de que o uso do galego pode favorecer as relacións laborais, comerciais e bancarias e estender o uso da nosa lingua nas relacións comerciais

Esta actividade xa se levou a cabo no ano 2012 e é amplamente demandada polo colectivo de hostelería.

“Durmo…se me contas un conto III”. Concurso de contos en familia

Esta actividade que xa se realizou nos anos 2012 e 2013, foi unha das máis bonitas do programa e tivo moito éxito. No presente ano queremos facer unha terceira edición para dar continuidade a unha actividade que nos parece cumpre moi ben os obxectivos que perseguimos co programa.

Trátase dun concurso, como na edición anterior, no que unha nai ou un pai ha de crear un conto – en galego- xunto ao seu fillo ou filla (para nenos e nenas menores de 9 anos), o texto ha de ser un conto que o pai /nai conta ao neno antes de durmir. Os debuxos que ilustren o conto han de ser do neno/nena. Haberá un primeiro, un segundo e un terceiro premio para os mellores textos coas súas ilustracións.

– Perseguimos o obxectivo de promover o uso do galego como lingua primeira nos máis pequenos e como lingua de comunicación entre nais/pais e fillos/fillas. E , ademais , promover o interese pola literatura en galego.

O programa está subvencionado pola Xunta de Galicia , dende a súa área de Política Lingüística.

4 de setembro de 2014 | 12:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.