Cedeira acollerá a primeira edición do Festival Percebe Rock

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCedeira
A-
A+

Cedeira vivirá o próximo sábado 11 de outubro a primeira edición do Festival Percebe Rock. Celebraráse na pista polideportiva anexa ao pavillón, recentemente recuperada polo Concello, e principiará en torno ás dez da noite, con entrada libre e gratuíta. Segundo explicou o alcalde, Luis Rubido, a cita inclúese na programación de actos que está a deseñar a Administración local no marco da I Exaltación do Percebe de Cedeira –XVIII Festa do Percebe-.

Así, e ata a data, o cartel do festival está integrado por “Say My Name”, unha banda de pop e rock coruñesa emerxente, e pola máis veterana “La Banda del Camión”. Así mesmo, o alcalde apuntou que nos próximos días confía en pechar algún nome máis que sumar á lista. O goberno local que dirixe Luis Rubido anunciaba hai unhas semanas que, tras suspenderse no 2013, o Concello decidía este ano recuperar a festa do percebe da vila grazas á concesión dunha subvención procedente de Xunta, Goberno central e UE. Finalmente, celebraráse a fin de semana do 11 e 12 de outubro e, amáis da tradicional degustación do percebe, o Concello proporá ao público toda unha serie de actividades paralelas.

Así, Luis Rubido avanza que, entre elas, haberá sitio para unha homenaxe aos percebeiros locais a través da proxección de audiovisuais sobre a súa vida e traballo. Ademáis, celebraránse obradoiros mariñeiros dirixidos ao público infantil e sesións de showcooking demostracións en directo a cargo de chefs galegos que cociñarán diferentes recetas co percebe como ingrediente principal. Os asistentes poderán participar tamén en cursos rápidos de cociña de mercado e, os máis pequenos, en obradoiros de cociña infantil, entre outras propostas. O obxectivo, segundo explicou o alcalde, é claro: promocionar o mellor percebe do mundo, o de Cedeira, a través dunha festa e ofrecer unha nova razón, neste caso gastronómica, para achegarse á vila e disfrutar dos seus encantos.

30 de setembro de 2014 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.