AGE urxe ao goberno galego para que interveña na recuperación dos fondos culturais do Ateneo de Ferrol
Alternativa Galega de Esquerda (AGE) urxe a actuación da Xunta para recuperar e garantir as condicións para que os fondos da biblioteca e hemeroteca do Ateneo de Ferrol “teñan as condicións óptimas de preservación e consulta” nas propias dependencias” desta asociación cultural.
Os fondos culturais do Ateneo de Ferrol, fundado en 1879, permanecen atrapados nunha empresa de mudanzas que se fixo cargo do seu traslado e conservación mentres que se realizaban as obras do edificio, cedido polo Concello ao Ateneo para realizar a súa actividade cultural.
Agora a empresa reclámalle á asociación 39.000 euros en concepto de traslado e almacenamento, unha actuación que, segundo explica esta asociación e indicou o seu presidente en rolda de prensa, Eliseo Fernández, “non foi iniciativa” da asociación, senón unha “esixencia” do propio Concello dirixido polo popular José Manuel Rey Varela.
A vicevoceiro de AGE, a tamén ferrolona Yolanda Díaz, encomendou a tarefa de defender estes fondos tanto ao rexedor da cidade departamental e presidente da Fegamp, coma ao novo voceiro do PP galego, Miguel Tellado, que tamén pertence a esta cidade.
“Que teña como primeira misión a resolución deste conflito”, reclamou Díaz, quen ao igual que o deputado Xabier Ron e o presidente do Ateneo, ven no “desleixo” das institucións unha intención de “facer desaparecer” esta entidade cultural.











