Un total de 15 xóvenes galegos viaxarán a Xapón no marco dun programa de mobilidade de Xuventude

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorXuventude
A-
A+

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, recibiu hoxe aos 15 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que participarán no intercambio de ida á Prefectura de Wakayama (Xapón) do 20 ao 27 de agosto, no marco do programa de mobilidade “A Xuventude no mundo”.

O titular do área resaltou que durante a semana de duración do intercambio, “os participantes galegos serán os embaixadores da cultura galega no Xapón, ao tempo que coñecerán a cultura e lingua xaponesa, os seus costumes, interactuarán con mozos e mozas xaponeses en distintas actividades e durante tres días convivirán con familias xaponesas de acollida”.

O programa que desenvolverán estes 15 mozos e mozas combina actividades educativas e culturais como a recepción polas autoridades da Prefectura de Wakayama; unha reunión de traballo na Universidade, na que os mozos, galegos e xaponeses traballarán conxuntamente para coñecer e dar a coñecer as súas rexións; a visita á cidade de Tanabe; ou o percorrido dunha parte do Camiño Kumano Kodo, no que visitarán o Centro do Patrimonio Kumano Hungu e o santuario sintoísta Kumano Hongo Taisya.

Ovidio Rodeiro fixo especial fincapé na realización deste percorrido, pois “a cultura galega e a xaponesa se ben son moi distintas, están unidas por un vínculo, por dous itinerarios de peregrinación”: o Camiño de Santiago en Galicia e o Camiño Kumano Kodo en Wakayama, dúas rutas recoñecidas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade, puntos de referencia no que converxe a pluralidade de concepción de distintos pobos, culturas, linguas e relixións.

Rodeiro resaltou que os intercambios xuvenís “permiten aos mozos e mozas participantes desenvolver habilidades, competencias e coñecementos, descubrir novas culturas, costumes e estilos de vida, sobre todo, a través da aprendizaxe entre iguais, consolidar valores como a solidariedade, a democracia e a amizade; facilita a concienciación intercultural e a mellora das competencias lingüísticas”. Un proceso de aprendizaxe que se realiza a través de métodos de educación non formal.

A Prefectura de Wakayama e a Xunta de Galicia comparten vínculos desde a sinatura do seu irmanamento en 1998. A partir deste ano estanse a realizar distintos programas conxuntos, sobre todo centrados no turismo e na cultura. No que respecta á xuventude, en 2009 estableceuse un protocolo de traballo entre as dúas administracións rexionais para favorecer os lazos de unión entre as entidades xuvenís de Wakayama e Galicia. Así con este grupo de mozos e mozas galegas esta será a oitava experiencia de intercambio xuvenil entre a Xunta de Galicia e a Prefectura de Wakayama, sumando un total de 120 participantes.

A Xunta de Galicia ten como un dos seus eixos prioritarios das políticas de xuventude a promoción da mobilidade xuvenil. Deste xeito, o Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2020- Horizonte 2020 inclúe 20 medidas de fomento da mobilidade xuvenil.

Os mozos e mozas son acollidos por unha entidade xuvenil do país de referencia e comparten un amplo programa de actividades, o que supón unha implicación activa dos mozos e mozas na vida social, cultural e educativa, da rexión á que temporalmente se van a desprazar.

4 de agosto de 2014 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.