Industria destina 120.000 euros a impulsar a mellora competitiva dos parques empresariais de Mos

O director xeral de Enerxía e Minas na visita ao polígono industrial
A Consellería de Economía e Industria, no importante labor de colaboración que desenvolve cada ano coas administracións locais, vén de resolver o programa de apoios municipais para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresarias galegos. Neste contexto, e tal e como resaltou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces durante a súa visita ó Polígono Industrial de Rebullón, en Mos, no que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, María José Bravo Bosch, grazas a este programa impulsaranse actuacións nos tres parques empresariais da localidade que contribuirán á mellora da súa competitividade.
Así, destínanse 120.000 euros para a adecuación viaria dos polígonos industriais de Veigadaña, Monte Faquiña e Rebullón, atendendo ás necesidades máis urxentes de cada un. O Concello de Mos pretende con esta subvención modernizar os parques empresariais e axudar no mantemento e boa conservación dos máis novos facilitando, deste xeito, a actividade empresarial dos seus usuarios.
O polígono industrial do Rebullón conta cunha axuda de case 43.000 euros para acometer as melloras que precisa e dótalo dunhas infraestruturas máis modernas. Procederase así ao reasfaltado dos seus principias viais, ao pintalo e á sinalización. Ademais instalaranse tubos de PVC necesarios para a evacuación da auga da choiva. As melloras afectan a 250 metros en total do polígono.
Os traballos no polígono de Monte Faquiña permitirá mellorar os viais en mal estado, polo que se procederá ao fresado e asfaltado dos mesmos, arranxando as cunetas e facendo algún tramo de beirarrúas. Para conseguir unha mellor seguridade vial, tamén se procedera a sinalización e repintado dos viais. A axuda concedida é de 36.700 euros e afecta a 920 metros da superficie do polígono.
Pola súa banda, ao polígono de Veigadaña destínanse 40.500 euros para asfaltar e pintar o vial, dotalo da sinalización vertical necesaria así como a instalación dun redutor de velocidade nunha zona de manobra de camións onde o tráfico ten gran densidade. En total a actuación afecta a 476 metros de superficie do parque empresarial.
Bernardo Tahoces, que estivo acompañado tamén pola alcaldesa do municipio, Nidia Mª Arévalo Gómez, resaltou a importancia dunha orde que desde o 2009 ten permitido desenvolver na provincia preto de 40 proxectos que suman case 4 millóns impulsando a competitividade do tecido empresarial pontevedrés.
A través desta liña apóianse diferentes accións que abarcan o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia. Así mesmo, e de cara a facilitar aos municipios a modernización dos seus parques empresariais, permítese o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Faise así accesible a posta en marcha de actividades que incrementan a calidade destas infraestruturas. Un obxectivo prioritario para o Goberno galego, que desde o 2009 leva destinados preto de 17 millóns de euros a este programa.
Iluminación pública
Neste contexto de colaboración municipal, a Consellería de Economía e Industria está a impulsar un ano máis a liña de axudas á iluminación pública exterior, que este ano permitirá ao Concello de Mos desenvolver un proxecto de colaboración municipal no que participan tamén Fornelos de Montes, Mondariz Balneario, Ponteareas y Salceda. A actuación suporá un aforro na factura eléctrica anual da agrupación de case 40.000 euros nas zonas beneficiadas, e un aforro enerxético de arredor de 234.000 KWh/ano.











