As obras de mellora da estrada Ponte do Val-Barciademera estarán rematadas neste mes
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, visitou esta tarde en Mondariz as obras de mellora e ancheamento da estrada Ponte do Val-Barciademera así como o renovado pavillón municipal dos deportes, actuacións nas que a Deputación investiu máis de 1,1 millón de euros.
Na súa visita ás obras, na que estivo acompañado polo alcalde da localidade, Julio Alén, Louzán puido comprobar que as obras de reforma da estrada se atopan moi avanzadas, quedando unicamente pendentes a sinalización horizontal e vertical, así como algunha pequena actuación nas cunetas, polo que os traballos estarán completamente rematados neste mes de agosto.
A Deputación investiu máis de 725.000 euros nesta estrada. Os traballos incluíron a reparación urxente da vía despois do derrubamento que sufriu o pasado 6 de xaneiro como consecuencia de mal tempo e a posterior ampliación e mellora de todo o vial, nun treito máis de un quilómetro.
Así, ampliouse o ancho da calzada de 5 a 7 metros, modificouse o trazado nalgúns puntos para eliminar curvas, creouse unha senda peonil no núcleo de Cernadela e tamén se habilitaron aparcamentos nas zonas onde foi posible.
Ademais, procedeuse á renovación de servizos, a mellora da drenaxe e a construción de novos peches e muros, así como a dotación de novo pavimento.
Reforma integral do pavillón
En canto á actuación no Pavillón de Deportes, supuxeron a reforma integral dos vestiarios e dos aseos do pavillón, e a renovación total da cuberta e da pista deportiva.
As obras contaron cun licitación superior aos 400.000 euros e permitiron corrixir as notables deficiencias que presentaba este centro e dotar o concello de Mondariz dunhas instalacións axeitadas para a práctica da actividade física e o deporte.
Louzán subliñou que estas actuacións súmanse a outras que a Deputación está a financiar ou realizar en Mondariz, como é o remate dos vestiarios da Escola de Natación ou os proxectos de mellora viaria que financiará dentro do Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais correspondente a este exercicio.











