A Sala de Exposicións de Verín acolle a mostra ‘Hilando Plumillas’ e a presentación de ‘Hilando Historias’
O venres 08 de agosto, ás 20 horas, a Sala de Exposicións de Verín acollerá a inauguración da exposición Hilando Plumillas, de Valentín de Urrutia Mariscal, e a presentación do libro Hilando Historias de María del Carmen Rodríguez Rotsita.
Un acto conxunto no que os protagonistas, Valentín de Urrutia e Rotsita, contarán coa declamación poética de José Tizado e Eduardo Atanes, e que permitirá amosar tanto o último libro desta autora, cuxas ilustracións foron elaboradas por De Urrutia, así como debuxos a plumiña de Verín e Cualedro realizados por este pintor bilbaíno.
A obra Hilando Historias, que constitúe unha homenaxe a nai de María del Carmen Rodríguez falecida fai uns meses, recolle historias, relatos curtos e poemas sobre lendas e tradicións orais, transmitidas por familiares e persoas próximas a autora. Mentres que a mostra Hilando Plumillas atópase dividida en dúas temáticas diferenciadas. A primeira delas, conformada por 24 plumiñas, corresponde ás ilustracións debuxadas por este pintor para o libro de Rotsita; mentres que a segunda recolle 12 láminas debuxadas en plumiña e baseadas en fotografías propias do autor sobre Verín e a súa comarca, en concreto patrimonio cultural de Verín e Atás (Cualedro). Esta exposición poderá visitarse na Sala de Exposicións de Verín (situada na rúa Irmáns La Salle) ata o14 de agosto no horario de 10 ás 14 e de 17 ás 20.30 horas (luns a sábado).
Valentín de Urrutia Mariscal (1947, Bilbao) cursou estudos de delineación, debuxo e pintura na Escola de Artes e Oficios de Bilbao. O seu traballo sempre estivo relacionado coas artes gráficas, como por exemplo, estudos de publicidade e deseño, serigrafías, impresión téxtil, gravados e rotulación, ou debuxante proxectista en diversas empresas técnicas de Bilbao. Realizou varias exposicións da súa obra pictórica en aulas de cultura de Bilbao e Getxo (Bizkaia), ademais Errota Kultur Etxea de Abadiño (Bizkaia) ou a Casa do Escudo de Verín. No caso de María del Carmen Rodríguez Rotsita naceu en Atás (Cualedro) hai 57 anos e emigrou aos 18 a localidade de Abadiño (Bizkaia). Xunto cos seus irmáns comezou a escribir poesía dende curta idade, e sobre calquera aspecto da vida cotiá. O libro Antologías editado polo Centro de Estudios Poéticos de Madrid conta con varios poemas de esta autora, que tamén gañou o primeiro premio do concurso de poesía de Durango (Bizkaia) adicado ao maltrato de xénero, e varios certames virtuais de poesía e contos. En decembro de 2011 publicou o seu primeiro libro de poemas A través de mis pensamientos, unha obra de 110 poemas, na que se plasman os sentimentos da súa vida. E agora tócalle a quenda a Hilando Historias, que xa foi presentado o pasado 13 de xuño en Abadiño (Bizkaia).
José Tizado é un poeta pontevedrés que emigrou na década dos cincuenta a Arxentina, vivindo corenta anos en Bos Aires. Colaborador nas emisoras bonaerense Radio Cultura e Radio Loma, e na galega Radio Caldas, o poeta ten recitado en eventos como o Festival de Poesía do Baixo Miño (Monte Aloia-Tui), Feira do Libro de Vigo, auditorio de Caldas de Reis, Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa ou a Casa da Cultura de Amil (Moraña), entre outras localidades. Mentres que Eduardo Atanes Álvarez é autor dos libros Poemas dunha alma, dunha vida e dun corazón -un texto intimista do que vendeu a edición completa, conformada por 350 exemplares, mediante o boca a boca- e O sentir dos adentros. Poeta natural de Penaverde (Cualedro) e residente en Verín desde o ano 1999, este mozo sufriu unha lesión medular hai 24 anos, nun mergullo desafortunado na praia viguesa de Samil. O accidente levouno, cando tiña 18 anos recen cumpridos, a ter que vivir nunha cadeira de rodas, truncándose as aspiracións dun mozo independente e deportista. Hai agora catro anos, a morte de seu pai foi o revulsivo que o levou a práctica diaria da creación escrita. Os versos de Eduardo Atanes transmiten os sentimentos dunha persoa que se define como autodidacta no ámbito literario e que busca a felicidade dentro das súas limitacións físicas.











