O deporte galego inclúe unha nova cita coa creación da ruta atlética 10k O Rosal Feira do Viño
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, eloxiou a creación da ruta atlética 10k O Rosal Feira do Viño, que terá lugar na localidade o día 20 deste mes, lembrando os positivos efectos que xorden da combinación do deporte “cos enormes tesouros culturais, enogastronómicos e naturais que Galicia garda nas súas catro provincias” e asegurando que coa organización de eventos deportivos ao redor destes recursos refórzase aínda máis a capacidade dos mesmos para dinamizar as economías locais.
Lete Lasa asegurou que o goberno galego apoia decididamente este tipo de iniciativas “non só porque fomentamos prácticas de vida activa e saudable entre a poboación local, o que xa sería en si mesmo un obxectivo máis que suficiente para apoiar esta ruta atlética, senón tamén porque axudamos a facer visible todo o noso patrimonio no sentido máis amplo, incluídas as actividades tradicionais do agro galego, neste caso as relativas ao sector vitivinícola”, sinalou.
Un sector puxante que, segundo o secretario xeral, “está a facer un eloxiable traballo de construción de marca, non só como oferta vinícola de prestixio, senón contribuíndo ademais de modo moi positivo á imaxe da marca Galicia no exterior”, algo ao que axudará a nova carreira presentada hoxe, tendo en conta que a súa recén creada web recibiu 18.000 visitas nas últimas semanas, e 1.200 delas son accesos desde os Estados Unidos, un dos principais mercados aos que se exportan os caldos do Rosal baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas.
Lete Lasa mostrouse seguro da consolidación desta cita en sucesivas edicións, como evento de alto atractivo ao redor da Feira do Viño do Rosal, que celebra a súa vixésimo-segunda edición do 18 ao 20 de xullo, “fomentando a participación dos veciños e a chegada de visitantes ao Rosal nestas datas do verán. Unha nova mostra de que o deporte é fonte de saúde e calidade de vida, de ocio, e, indubidablemente, de crecemento económico e turístico”, rematou.
10k O Rosal Feira do Viño
A nova ruta atlética conta con catro categorías: absoluta masculina e feminina, senior masculina e feminina (16 a 40 anos), veteranos A (41 a 50 anos) e veteranos B (máis de 51 anos). A idade mínima de participación é de 15 anos.
A saída da carreira será ás 11:30 do domingo día 20 desde a Praza do Calvario e o traxecto, de dez quilómetros, farase en asfalto na súa totalidade con mínimos desniveis, axeitado para calquera persoa cun mínimo de preparación física.
Unha hora antes, ás 10:30 da mañá, sairá do mesmo punto a I Andaina 10k O Rosal Feira do Viño, coordinada polo escritor e guía sociocultural da vila, Juan Ramón Martínez Barbosa, que axudará aos participantes a coñecer as características xeográficas e a historia da zona, ademais do seu rico patrimonio etnográfico.
10k O Rosal Feira do Viño está organizado polo Concello do Rosal. Ten como patrocinador principal ao Banco Mediolanum e conta co apoio de numerosas empresas e adegas, ademais da Secretaría Xeral para o Deporte e a Deputación de Pontevedra como colaboradores institucionais.











