O Concello de Verín elabora un Plan de Autoprotección para a Batucada
Desde a área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín, englobada por Protección Civil e Policía Local, elaborouse un Plan de Autoprotección para esta edición da Batucada, que terá lugar os días 25 e 26 de xullo, e contén todos os protocolos de actuación a seguir polos diferentes equipos de emerxencia que traballan nesta festa ante calquera emerxencia-.
O principal obxectivo deste plan, que a segunda vez que se elabora, é establecer unha correcta coordinación entre os equipos de emerxencia para garantir a seguridade do público e persoal que traballa durante a Batucada -xa que se trata dunha celebración con gran participación de público, non só por parte dos/as veciños/as senón tamén dos visitantes estivais ou dos que se acercan a localidade para participar nesta festa-. O mesmo, que non é obrigatorio segundo a lexislación vixente en materia de Protección Civil e Autoprotección xa que se trata dun evento ao aire libre con unha afluencia menor a 20.000 persoas, aséntase nas seguintes medidas:
– Inclusión de socorristas acuáticos de Protección Civil Verín e sanitarios de Cruz Vermella Monterrei na actividade do 25 de xullo, que ten lugar na praia fluvial de Verín.
– Prohibición de tirarse dende a pasarela peonil ao río Támega (situada na praia fluvial de Verín), nesa mesma xornada e actividade.
– Creación dun dispositivo, durante a Festa da Auga e a Escuma do sábado 26 de xullo, conformado por un posto sanitario situado na praza García Barbón, a cargo de Cruz Vermella Monterrei (tamén se contará cunha ambulancia desta entidade) e por voluntarios/as de Protección Civil de A Gudiña e Protección Civil de Verín.
– Efectivos de Gardia Civil de Tráfico, Policía Local e Protección Civil coordinarán a Ruta da Batucada que ten lugar o 26 de xullo, e percorre diversas rúas da localidade
– A seguridade correrá a cargo de Policía Local e Gardia Civil. Ademais, os equipos de emerxencia externo (Bombeiros e 061) teñen as súas rutas de entradas e saída, e existen protocolos entre medios internos e externos para unha atención eficaz.
Para a elaboración deste Plan de Autoprotección, o Concello de Verín tivo en conta as características das diferentes actividades programadas nesas datas, os lugares nos que se desenvolven, as características da festa e do público asistente.











