O Acanor Atlético Novás bota a andar o 12 de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesO Rosal
A-
A+

Como vén sendo habitual a pre tempada do Acanor Novás dará comezo a mediados de Agosto e farao concretamente o martes 12 de Agosto, que será cando Modesto Augusto cite ao seu persoal para preparar a próxima campaña. Un persoal que podería non estar pechado aínda.

En canto a partidos, están pechados ademais dos da Copa Galicia, que se inicia en oitavos de final ante o Lavadores na súa cancha, un amigable co Teucro para o 6 de Setembro con sede aínda sen fixar.

Tamén está confirmado o habitual torneo estival do Rosal, un dos máis afamados da provincia e ao que todos os anos acoden grandes equipos. Para esta edición, que será a décimo sexta, xa confirmaron a súa presenza un habitual, a Academia Octavio de Vigo, e outro histórico en plenos festexos do seu cincuenta aniversario, o Balonmán Cisne. Será os días 22 e 23 de Agosto.

E por segundo ano consecutivo celebrarase na mítica pista de Novás a II Xuntanza do club. Unha xornada para rememorar grandes momentos con xogadores históricos que pasaron polo Rosal, que culminará cunha churrascada a prezo popular, 6 € a ración con bebida. Ao remate da cea haberá actuación do grupo baionés, “Os do Barro”, aberto a todos os públicos. Máis info nas redes sociais do club ou no 660928686 (Andrés).

En canto á indumentaria, tamén haberá novidades. Dez anos despois, o Acanor Novás volve apostar pola firma galega Zico, e entre as principais novidades está o cambio de cores da segunda indumentaria e roupa de paseo, que abandonará o branco polo negro e amarelo. Nos próximos días presentaranse así como se abrirá o prazo de encargas.

18 de xullo de 2014 | 13:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.