Neira Vilas presenta a súa “fecunda amizade” con Isaac Díaz Pardo
A amizade entre Xosé Neira Vilas e Isaac Díaz Pardo comezou en Buenos Aires en 1955, cando Neira, secretario xeral das Mocedades Galeguistas, levaba alí seis anos e Díaz Pardo, un pintor consagrado que se pasara á cerámica e fundara a empresa de porcelana do Castro en Sada, acababa de arribar para encamiñar unha industria semellante no Prata.
A amizade foi estreita ata que en 1961 Neira e Anisia van vivir a Cuba; manteñen durante anos unha constante correspondencia ata que 11 anos despois se reencontran na primeira das varias viaxes que Neira e Anisia realizan a Galicia ata volver definitivamente. Durante ano e medio, mentres constrúen a súa casa en Gres, conviven con Díaz Pardo no Instituto Galego de Información de San Marcos. Xuntos participan en múltiples actividades culturais e sociais durante dúas décadas, ata o pasamento de Díaz Pardo a principios de 2012.
Toda esta peripecia vital de dúas das máis importantes figuras da cultura galega do século XX recóllese polo miúdo no novo libro de Xosé Neira Vilas, Isaac Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade. A obra é un compendio de recordos, fotografías e cartas que ofrecen un completo percorrido pola relación do autor cruceño co fundador de Sargadelos e, paralelamente, pola época que lles tocou vivir.
Por iso o autor define a obra como “un denso epistolario no que, máis alá dos temas persoais, latexa o devir de Galicia e do ancho mundo”. Neira Vilas advirte de que “non é unha biografía de Díaz Pardo senón unha crónica da amizade que nos uniu a ambos ó longo de medio século”. Pero é tamén unha homenaxe a quen define como “unha das figuras máis significativas da cultura galega do século XX”.
Unha obra de colección
A publicación, que xa se pode atopar nas librarías, estrutúrase en dúas partes, diferenciadas visualmente pola cor do papel. Na primeira, de cor branca, Neira relata pormenorizadamente, en moitos casos día a día, a súa relación con Díaz Pardo e na segunda, con papel escuro que semella envellecido, transcríbense as case 300 cartas cruzadas polo matrimonio Neira-Anisia con Isaac Díaz Pardo.
Especialmente interesante é o capítulo “Algunhas dedicatorias” onde se mostran escritos do puño e letra de Díaz Pardo adicados a Anisia e a Neira Vilas, ou as ilustracións que fixo para os seus libros. Relevante resulta tamén o apartado gráfico, tanto polas fotografías como polos diversos documentos que incorpora, caso do pano de mesa debuxado por Isaac en 1961 en Bos Aires na despedida de Neira ou a imaxe da derradeira peza de cerámica de Isaac “Xente do mar reclamando os seus dereitos”.
En total, 426 páxinas que supoñen unha verdadeira e sentida homenaxe ao “ilustrador, pintor, ceramista, arquitecto, enxeñeiro, deseñador, xornalista, escritor, editor, empresario…” pero, sobre todo ao “home de prestixio e de ben que confiou sempre na lealdade dos que eran seus compañeiros”.
Presentación
Na presentación da obra, que xa está dispoñible nas librarías de Galicia, acompañaron ao autor o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o profesor e secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o editor, Antonio Couto. Todos destacaron a relevancia cultural e histórica que teñen os dous protagonistas desta obra na historia galega do século XX e que queda reflectida neste libro para o coñecemento de futuras xeracións.











