Entrega de premios en Pontevedra ás 56 adegas españolas recoñecidas no Concurso Mundial de Bruxelas
A Deputación de Pontevedra acolle hoxe, ás 19:00 horas, o acto de entrega de premios ás 56 adegas españolas recoñecidas no Concurso Mundial do Viño de Bruxelas. Destas, 13 obtiveron a Medalla Grande Ouro, e os viños galegos lograron sete medallas de ouro e 26 de prata.
No acto intervirán Baudoine Havaux, presidente do comité organizador do Concurso, e Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra. Ademais asistirán diversos representantes das entidades galardoadas.
O Concurso Mundial do Viño de Bruxelas goza dun gran prestixio e recoñecemento mundial. O seu xurado está formado por profesionais do sector, coma catadores, enxeñeiros, enólogos, xornalistas, escritores, compradores e operadores internacionais, sommeliers e expertos do mundo vitivinícola, polo que é considerado o auténtico campionato mundial do viño.
Como indicou o presidente do organismo provincial, o acto é a antesala da celebración nas Rías Baixas, o vindeiro ano, do I Concurso dos Viños Atlánticos.
Fondos da UE e proxección
Coa celebración deste novo concurso a Deputación de Pontevedra quere liderar un plan de captación de fondos europeos no que se involucren as comunidades do Atlántico, nun proxecto de turismo enolóxico, sostible e gastronómico que consolide a dieta e os viños do Atlántico. Quere, tamén, potenciar e dar unha mellor proxección a uns viños de gran calidade pero pouco recoñecidos internacionalmente pola falsa idea de que os viños españois se circunscriben ás denominacións de orixe La Rioja, Ribera del Duero ou Castilla-La Mancha.
Louzán destacou que o sector do viño é un dos máis importantes na agricultura española, non só polo valor económico que xera senón pola poboación que ocupa e polo papel que desempeña na conservación do medio.
En España a industria vitícola está formada por 4.300 empresas, o 14% da industria alimentaria. A súa cifra de negocio é duns 5.500 millóns de € e o sector representa o 1 % do PIB español. Louzán ademais destacou as posibilidades que ten o viño no turismo cultural e enogastronómico.
Unha oportunidade
Segundo Louzán, o Concurso dos Viños Atlánticos, que organizará a Deputación de Pontevedra o vindeiro ano en colaboración co Concurso Mundial do Viño de Bruxelas, será unha oportunidade para redobrar a calidade do sector, potenciar os seus procesos de internacionalización e reforzar a súa posición no mercado nacional e internacional.
Un paso máis, concluíu, na tarefa de renovar a nosa tradición vitivinícola, actualizala, potenciala e valorizala. O viño albariño, que leva cultivándose desde o século XII nas Rías Baixas, ocupa hoxe a máis de 10.000 familias e produce ó redor de 20 millóns de litros, dos cales se exportan máis de 5 litros.











