Cores Tourís visita as obras do Plan marco executadas no concello do Rosal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO RosalPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita ao Rosal

Cores Tourís na visita ao Rosal

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se executaron para a mellora de catro estradas rurais do concello de O Rosal dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña do alcalde da localidade, Jesús María Fernández.

Trátase dos camiños de Ferreiros e Pías na parroquia de San Miguel de Tabagón, e Viso dos Eidos e Urgal na parroquia de Santa María.

En relación aos dous camiños da parroquia de San Miguel de Tabagón, no de Ferreiros mellorouse un total de 131 metros con aglomerado en quente. Este camiño ten un ancho de 5 metros. No caso de Pías, a lonxitude sobre a que se traballou foi de 210 metros cun ancho de 4, e no que tamén se aplicou aglomerado en quente.

Na parroquia de Santa María, mellorouse o camiño Viso dos Eidos, que conta cunha lonxitude de 302 metros e un ancho de 5 así como o camiño de Urgal, de 905 metros e 4,5 de ancho medio. Ambos viais foron mellorados coa aplicación de aglomerado en quente.

“O investimento total na mellora destes tres camiños rurais foi de case 42.000 euros”, matizou o delegado territorial, quen recordou que, no caso da comarca do Baixo Miño, estanse a investir, ao longo do presente ano, un total de case 300.000 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. “En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a O Rosal para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Dende 2009 a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso do concello de O Rosal, o investimento en mellora de vías rurais roldou os 179.000 euros dende ese mesmo ano, executándose traballos de mellora en diferentes camiños, como é o caso da parroquia de Tabagón.

O alcalde da localidade aproveitou a visita do delegado territorial para solicitarlle tamén a colaboración da administración económica no abastecemento de auga a vivendas da parroquia de Pedornes, traballos nos que colaborarían ambas administracións.

3 de xullo de 2014 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.