Arkaitz Vargas convértese na primeira fichaxe do Acanor At. Novás
O lateral vasco, xa ex do Octavio, Arkaitz Vargas convértese no primeiro reforzo desta nova etapa do Acanor Novás.
O irundarra, que roza os 2 metros e pasa dos 100 quilos, vén para apuntalar unha defensa debilitada tras as baixas de Adrián Fritiría e Bruno Costa.
Ten unha ampla traxectoria no balonmán nacional, con máis dunha década na liga ASOBAL, iniciada na súa terra, no Bidasoa Irún, e que continuou no Teucro para logo pasar polo Módena italiano, Torrevieja, Barakaldo, Teka Cantabria, Arrate, San Antonio e volver a Galicia en 2011, recalando nas filas da Academia Octavio, onde xogou dúas campañas e na terceira, a pasada, non se vestiu de curto debido a problemas internos.
Agora aos seus 37 anos, fincado en Galicia, vén para achegar en defensa e tamén en ataque, xa que a pesar do seu cartel de “especialista defensivo”, chegou a marcar máis do centenar de goles varias tempadas en Bidasoa, Teucro e Barakaldo, na de por aquela denominada “mellor liga do mundo”.
A presentación do xogador será o vindeiro luns día 28 ás 20:30 no Pavillón Municipal do Rosal.











