A vela infantil e xuvenil toma a ría de Ferrol
Unha vez máis, este próximo fin de semana do 19 e 20 de xullo, a ría de Ferrol será o escaparate en grao sumo significativo da vela lixeira infantil da nosa comunidade autónoma, que xunto con representantes destacados de Portugal, participarán na Vª edición da Regata de Vela “Ría de Ferrol”, organizada pola Sección de Vela Lixeira do Grupo Bazán, e patrocinada pola Concellaría de Deportes do Concello, Efectos Naveles-Tenda Náutica Sande Vidal e coa inestimable colaboración, como en edicións anteriores, de Amarradores do Porto e Ría de Ferrol.
Ao redor de 80 barcos das clases Optimist (rapaces de 8 a 14 anos, divididos en categoría A -13-14-15 anos-, B -11 e 12 anos-, e C – 8, 9 e 10 anos-) e Láser (nas tres modalidades 4.7, Radial e Standard) están inscritos para participar nunha regata que, alcanzando xa a quinta edición consecutiva, converteuse nunha das grandes citas da vela lixeira galega nesta época estival. Unha edición máis que conta coa cualificación por parte da Federación Galega de Vela como de Regata de Nivel Autonómico, tanto pola cantidade dos participantes como pola calidade dos mesmos e pola participación en todas as edicións dalgún club portugués.
Regatistas dos máis significados clubs galegos e portugueses acudirán á cita. Sendo así que a participación está composta por integrantes dos equipos de regatas de Club Marítimo de Canido, Real Club Náutico de Vigo, Monte Real Club de Iates de Baiona, Real Club Náutico de Sanxenxo, Real Club Náutico da Coruña, Club Marítimo de Oza-O Puntal da Coruña, Real Club do Mar de Aguete (Marín) e Clube Naval Povoense de Póvoa de Varzim- Portugal. A relación de participantes péchase cos integrantes dos equipos de Optimist da Sección de Vela Lixeira do Grupo Bazán.
A pesar da época de crise económica e da precariedade de apoios cos que puido contar, o Grupo Bazán segue apostando pola organización da regata que servirá para fomentar o deporte da vela lixeira nunha ría que ten unhas condicións óptimas para a súa práctica.
Ninguén da organización dubida do éxito dunha regata que á parte do importante compoñente deportivo da mesma ten un, se cabe, máis importante compoñente social, dado que, do mesmo xeito que en anteriores edicións, o día 19 pola noite ofrécese no restaurante da Feira de Mostras, unha cea conxunta para todos os regatistas, adestradores, xuíces, balizadores e demais organizadores e colaboradores da regata, que fomenta o aspecto social do deporte e a convivencia entre os mozos deportistas e que é un aliciente máis para a asistencia dos mesmos ano a ano.
Tampouco cabe dúbida que o evento xerará un tráfico económico importante para a cidade dado que á parte da ocupación hoteleira que, estes eventos de vela infantil en épocas estivais arrastran a moitos directivos, pais e acompañantes dos sitios de procedencia dos clubs a visitar a cidade e para ver aos novos regatistas navegar en augas da ría.











