A primeira Travesía Náutica Xacobea chega a Cabo de Cruz

As embarcacións da Ruta Atlántica e as da Ruta Mediterránea da Travesía Náutica recalarán mañá na etapa final da peregrinación
As embarcacións da Ruta Atlántica e as da Ruta Mediterránea da Travesía Náutica Xacobea recalarán mañá na etapa final da peregrinación marítima chegando ao porto de Cabo de Cruz. Dende alí, os tripulantes realizarán as últimas etapas para a súa chegada a Padrón a través da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla.
A Ruta Atlántica percorrerá este xoves 34 millas entre Portosín e Ribeira, xa na Ría de Arousa, dende onde mañá venres partirá a Cabo de Cruz. Alí agardará a frota procecente da Ruta Sur para navegar xuntos. O sábado realizarase unha ruta en catamarán polo Ulla ata Padrón e dende alí o último treito ata Santiago.
Odysseas Dos, Idus, Melvil, Elora, Alba Plena, Colambre, Manacora, Pata Palo, Mar de Nergha e Bahía de Nerga son os nomes dos barcos que percorren as etapas finais da Ruta Mediterránea. Ás 33 embarcacións -procedentes de Irlanda, Francia, Inglaterra, Bélxica e España, entre outros países- que participan na Ruta Atlántica desta travesía sumáronse no porto de Ares dúas goletas clásicas, a Nieves 4 e a Nauja, fletadas pola Asociación de Clubes Náuticos de Galicia (ASNAUGA). Máis de 240 navegantes entre as dúas tripulacións sucan a costa en ambas direccións con destino ás Rías Baixas.
Os tripulantes da Ruta Atlántica foron recibidos onte pola tarde á súa chegada ao porto de Portosín. Dende onde partiron cara Ribeira para completar a penúltima etapa.
A Primeira Travesía Náutica Xacobea está organizada por Turismo de Galicia en colaboración con Asnauga no marco das actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.
A Ruta Mediterránea percorrerá en total 1.542 millas en 14 etapas ao longo de case un mes de navegación. A ruta Atlántica percorrerá cerca de 210 millas náuticas en seis etapas: Ribadeo, Viveiro, Ares, Camariñas, Portosín, Ribeira e Cabo da Cruz.
Turismo de Galicia organizou a travesía en colaboración con ASNAUGA (Asociación de Clubs Náuticos de Galicia) co obxecto de rememorar a Traslatio do corpo do Apóstolo Santiago ata Galicia por mar, así como a propia peregrinación do santo de Asís, configurando unha viaxe única en Europa polas súas características.











