Unha nova liña de trituradoras con patente galega gaña o concurso de innovación tecnolóxica de Galiforest

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoqueixónLocal Portada
A-
A+
Entrega do premio á innovación tecnolóxica

Entrega do premio á innovación tecnolóxica

A nova liña de trituradoras Triadvance, da empresa coruñesa Maquinaria Agrícola Cancela, gañou o Concurso de Innovación Tecnolóxica celebrado no marco do III Monográfico Forestal Internacional para o Sur de Europa, Galiforest 2014. Este certame, organizado pola Feira Internacional de Galicia, celébrase dende hoxe e ata o vindeiro sábado no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón).

Esta liña de trituradoras, que consta de tres modelos, incorpora en todos eles tres novidosos sistemas patentados pola propia empresa: un sistema de transmisión que permite que poda triturar tocóns de madeira sen que pare tractor ao que está unida a máquina, un sistema de aliñado que permite a aliñación da transmisión que vai do apeiro ao tractor e un sistema de triturado no que o martelo en lugar de ser plano, como é o habitual, é en forma de dente e actúa a dous niveis, o que permite que en lugar de golpear a madeira a parta, sendo así máis fácil a trituración e demandando menos consumo de potencia.

O xurado outorgou o premio a esta innovación por ser unha patente novidosa que terá un rápido impacto no mercado ao ser un tipo de máquina moi empregada no sector forestal galego.

Neste Concurso de Innovación tamén se concederon dúas mencións, sendo unha delas para a firma pontevedresa Hitraf, polo Autocargador Komatsu 845 con sistema Maxifleet, sendo este sistema o primeiro do mundo de comunicación en rede para xestión de flotas de máquinas forestais. A súa achega consiste en que permite en tempo real, desde un PC ou teléfono móbil, saber que está facendo unha máquina, monitorizar a súa produción e incluso arranxala dende a distancia sen necesidade de que se desprace unha persoa de mantemento.

A mención foille concedida a este sistema polas posibilidade futuras que abre en canto á xestión remota da maquinaria, e tamén polo aforro que supón.

A outra mención outorgóuselle ao autocargador Forcar F 210 con caixa de cambios automática Allison 3500 e motor 6C John Deer Modelo 6068HFC93, da empresa coruñesa Forcar – Cardelle Hidráulica. Esta máquina, que pode circular por vías públicas sen necesidade de autorización, xa que non supera a anchura máxima de 2,55 m, incorpora como novidade unha caixa de cambios automática que permite a retención do vehículo e un aforro de ata un 30% en combustible.

Fíxoo merecedora desta mención a importancia deste aforro para o sector forestal galego, ao estar este formado por fincas pequenas e necesitar desprazar as máquinas entre elas, co conseguinte gasto de combustible.

Ao concurso presentáronse un total de 10 innovacións destinadas a aportar melloras ao sector forestal e a optimizar os seus recursos.

Avaliadas por 5 expertos

As innovacións presentadas foron examinadas esta mañá por un xurado conformado por cinco expertos pertencentes a outras tantas institucións e entidades. Así, formaron parte del Gonzalo Piñeiro Veiras, técnico do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira (Cis Madeira); Elier Ojea Oreña, presidente da Federación Empresarial de Aserradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia (Fearmaga); Santiago García Sánchez, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia; Juan Picos Martán, secretario da Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Forestal da Universidade de Vigo; e Guillermo Riesco Muñoz, profesor do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Lugo.

26 de xuño de 2014 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.