O Centro Galego de Arte Contemporánea acolle a exposición do artista Diego Santomé

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentará en rolda de prensa a exposición de Diego Santomé
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou hoxe o novo proxecto expositivo do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). ‘Peza de esquina e outros espazos en conflito’, do artista vigués Diego Santomé, é o título da mostra, conformada por unha serie de pezas —algunhas existentes, outras en proceso e outras realizadas especificamente para esta exposición— que resumen as preocupacións presentes no seu traballo.
Acompañado polo director do CGAC, Miguel von Hafe; pola comisaria da mostra, Agar Ledo; e polo propio artista, o secretario xeral de Cultura “puxo en valor o interese desta mostra no marco do traballo que vén realizando o CGAC a prol da difusión dos nosos artistas actuais”. Nese sentido, afirmou que “propostas como a que hoxe presentamos lle achegan á cidadanía o pulso da creatividade galega dos nosos días e reflicten o compromiso do CGAC co contexto galego, ao tempo que reforzan este centro como referente da arte contemporánea”.
O cinema, a fotografía, a instalación, a escultura ou o debuxo son formatos que lle permiten ao artista abordar, desde un posicionamento crítico, a transitoriedade das estruturas e da sociedade. As formas simples, ligadas á estética minimalista que caracterizou a súa produción desde os inicios, e o carácter efémero dos materiais ou obxectos atopados son fundamentais na construción de novos significados. O simple e intranscendente, o provisorio, tradúcese na posibilidade de grandes cambios.
A transformación do cotián
As estratexias discursivas en que se fundamenta a súa obra están directamente vinculadas cos conceptos de utopía e fracaso, equilibrio e inestabilidade. Tanto na elección dos materiais coma no proceso de traballo, Santomé parte de cuestións ligadas ás circunstancias cotiás e á súa transformación, amosando a posibilidade/imposibilidade dunha nova orde na que a sociedade acade un equilibrio.
As súas novas narrativas, asociadas á natureza efémera dos obxectos, están presentes en pezas como ‘Vidrieras’ (2011), construída a partir de anacos de cristais atopados en diversas zonas de cascallo e derruba, ou no filme ‘Castillos de arena’ (2009), no que Santomé retrata o día a día de dous inmigrantes checos que gañan a vida en Praia América (Nigrán, Pontevedra) esculpindo un castelo e asistindo impasibles ao proceso cíclico da súa destrución.
Un dos novos proxectos que presenta nesta exposición é ‘Galápago europeo’ (Emmys orbicularis, 2013-2014), unha película que traza, coma un reflexo, un paralelismo entre o perigo de extinción do galápago europeo no ecosistema das Gándaras de Budiño (O Porriño, Pontevedra) e os ideais que sustentan a construción dunha sociedade máis xusta. Son procesos de desocultación dunha realidade que emerxe como fracaso das utopías sociais, cuxas pegadas recupera Diego Santomé para reflexionar sobre a posibilidade de reconstruílas.
Neste marco sitúase tamén ‘Apuntamentos e breve aproximación a Sargadelos, primeira versión’ (2014), película gravada en Sargadelos (Cervo, Lugo) que se entende como unha aproximación ao gran proxecto industrial e cultural de Galicia, unha metáfora da creación ligada á transformación da sociedade.
Diálogo entre a exposición e a música
O concerto que terá lugar o próximo mércores 25 de xuño no auditorio do CGAC, enmarcado dentro do ciclo ‘Música e arte, correspondencias sonoras’, relaciona de maneira directa o traballo conxunto do artista Diego Santomé cos compositores invitados. Co título ‘Posible/Imposible’, a utopía e o fracaso, o equilibrio e a inestabilidade ou referencias a obras específicas do autor servirán de argumento para as estreas de Bernardo Barros (Brasil, 1980), Francisco Castillo (México, 1983) e Miguel Matamoro (España, 1991), xunto á presentación en España da obra de Fernando Garnero (Arxentina, 1976).
A exposición de Diego Santomé será inaugurada esta tarde, ás 20 horas, no CGAC, onde se poderá visitar ata o 26 de outubro.











